14 de XANEIRO do 2016
Esta primeira emisión do 2016 comezamos dándolles a ben vida e desexando un ventureiro ano a tódolos nosos oíntes e seguidores. ¡Graciñas por estardes ahí!
Despois de escoitar unha peza do CD de "2 Na Fronteira", mantemos a primeira comunicación con don ANTONIO DÍAZ, Director da revista LUA NOVA e corresponsal do Xornal de Comunicación "GALICIA en el MUNDO", que nos informa das ultimas noticias relacionadas coas nosas Entidades en Cataluña, e moi concretamente de ASOBECAT, que veñen de presentar o XII Festival do Botillo en Cataluña, para o vindeiro día 6 de febreiro, no Hotel Front Air Congress, de Sant Boi.
A segunda comunicación-conversa é con don ASER ALVAREZ GONZÁLEZ, Director da Productora Arraianos, que nos fala das súas creacións documentais, destacando o apartado realcionado coa emisión en RTVG ANACOS DE VIDA, que está colgado na web da propia Radio TVGalega. Tamén nos fala de "Cesteando", "Bill Viola" e "Aquela Celanova"... Magoa non podeer continuar esta conversa cun pouco máis de vagar, pero farémolo en vindeiras datas.
A conexión co noso correspondente en Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU?, sempre é moi interesante e chea de novidades, rematando coa súa aportación ilustrativa, que nós tamén colgamos aquí, relacionada con algunha das comunicacións que el mesmo nos refire. Seguro que será do voso interese.O final da nosa emisión de hoxe reservámolo para falarmos con ANDRÉ GÓMEZ LÓPEZ, Artista e Escultor de Navia de Suarna, con quen mantemos unha moi agradable conversa sobre as súas creacións e proxectos tan interesantes. Seguiremos a súa traxectoria.
A vindeira semana prometémosvos realizar outro programa que sexa do voso interese, con entrevistas, música e coas noticias que iremos debullando para todos vosoutros.