Un programa máis que comezamos saudándovos a todos. Aos nosos oíntes e seguidores e escoitando unha peciña musical para comunicarnos directamente con Galicia, concretamente con Vigo, onde se atopa o noso primeiro contertulio: MANEL MONTEAGUDO, un mariñeiro que, despois dun accidente moi grave, converteuse nun escritor e creador literario. Cóntanos parte das súas vicisitudes dende cativo, cando con14 anos se "enrolou" nun buque de pesca e despois nun mercante no que sofriu un desgrazado accidente que o tivo postrado e doente durante moitos anos, e agora é un creador literario afincado en Vigo. Prometémonos voltar a falar con el, para que nos siga contando moitas cousas e nos debulle outras máis, relacionadas coa súa escrita persoal, coa que disfruta moito.
Seguimos co programa e escoitamos unha peza do ultimo disco de EMILIO RUA, "Duetos", que presentará no Teatro Principal de Ourense o próximo sábado día 22. Agradecémoslle a súa amable atención e a distendida conversa que mantemos con el, na que nos conta moitas cousas relacionadas coa súa traxectoria musical e dos seus concertos.
Quen che PREGUNTOU? é a sección que leva adiante o noso correspondente Xosé Manuel F. Montes, na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos. Sempre ten preparados os seus Me Ghustan e Non Me ghustan que están moi relacionados coa actualidade galega do momento. E apórtanos a súa creación cunha viñeta alusiva ao programa de hoxe, que compartimos con todos.
E temos para o final do programa á nosa benquerida MERCHI ALVAREZ, de Galiciame, que nos pon ao corrente da "IV Gala-Xantar de Galiciame" na Adega Condes de Albarei, en Cambados, prevista para o día 6 de decembro. Agradecémoslle a súa aportación e desexámoslle moitos éxitos.
E despedimos o programa ate o vindeiro xoves, que prometemos voltar. ¡Sexan felices!
No hay comentarios:
Publicar un comentario