jueves, 26 de junio de 2025

XOVES 26 de XUÑO do 2025

Comezamos o último programa desta temapada 2024/ 2025, coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e unha peza de música do Grupo "TREIXADURA", para poñernos en contacto coa primeira convidada de hoxe: GENI, Concelleira de Educación e Festas do Concello de Sàrria. Felicitámola porque veñen de celebrar as Festas de San Xoan-2025, dende o día 20 pasado ata o 25 deste mes de xuño. Unha grande celebración e unha das máis populares con participación de moitas e afamadas orquestras así como outras moitas ofertas para a xuventude. Agradecémoslle a abondosa información que nos dispensou e prometémonos voltar a conectar con ela para que nos siga comunicando outras celebracións que tamén teñen grande sona na contorna.

Seguimos a emisión despois de escoitar novamente a TREIXADURA, coa súa peza "Muiñeira de Santo Amaro" para, con ela de fondo, recibir a SHEILA, da Panadería-Pastelería ROSMAR. Felicitámola pola pronta inauguración dun establecemento que terá un despacho e venta de pan, pasteles e café degustación no forno familiar que pertenceu aos seus bisavós, na localidade de Carral. Tamén lle enviamos os nosos parabens pola tarefa de atención e grande dedicación que lle aporta nas diferentes feiras ás que asiste a propia "Rosmar" cos seus produtos de grande calidade, e moi concretamente a que tivo lugar na fin de semana pasada: "Festa Galega de Can Mercader". Desexámoslle que teña moito éxito nesa pronta inauguración.

Continuamos con música, novamente, para recibir ao noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico XOAN ARCO DA VELLA, que sempre nos achega e nos recomenda visitar moitas localidades galegas de certo interese e encanto. Falamos de lugares máxicos galegos, de recunchos que paga a pena visitar e levar algunha que outra mostra gráfica da paisaxe ou un vídeo que recolla esa visita engaiolane. Comentamos que próximamente a "Asociación Amigos/as do Couto Mixto" celebrarán o nomeamento de "Xuíces e xuízas honorarios do Couto Mixto". Esa celebración será o día 5 de xullo na igrexa de Santiago de Rubiás. Tamén tivemos tempo para falar un chisco da raia e dos lugares lindeiros como Castro Leboriero e outros. Agradecémoslle a súa aportación e desexámoslle que disfrute dunha vacacións de verán feiticeiras.

Damos conta da celebración, a fin de semana pasada, da Festa Galega de Can Mercader, coas diferentes actuacións. Aproveitamos para escoitar outro bocadiño de música e despedímonos ata o vindeiro mes de setembro e desexándolles, a tódolos nosos escoitantes e seguidores,  que teñan unha boas vacacións de verán.  ¡Que sexan moi felices!

Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.

jueves, 19 de junio de 2025

XOVES 19 de XUÑO do 2025

Comezamos outro xoves máis coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e un bocadiño de música, nesta ocasión unha especial: "SAN FINS DO CASTRO", do Grupo "TREIXADURA", porque temos a oportunidade de conectar cun dos seus compoñentes: ANTÓN LÓPEZ, "Toniño". Agradecémoslle a súa amable atención e aproveitamos para felicitalo polo fantástico traballo e divulgación musical que están a ofrecer. Moitos concertos para este verán, moitas actuacións e preparación dun novo traballo discográfico, segundo nos comenta el mesmo, e que o prepararán durante este verán para poder ofrecelo a partir do mes de outubro próximo, segundo as súas previsións. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.

A seguinte intervención é a de dona CARMIÑA DE LEONOR, unha artesana de tear, "Tecelana", como lle din na zona de Navia de Suarna. Cóntanos cómo foi a súa traxectoria como mestra e profesora de moitos alumnos que tivo durante a súa profisionalidade tan feiticeira. Comezou moi noviña, aos 14 anos, segundo nos informou. Despois estivo dando clases no INEM e máis tarde contratada pola Xunta de Galicia en Lugo, como profesora. Ten ilusión de que un dos seus teares se escolla para expoñelo nalgún museo e que quede constancia da súa tarefa tan feiticeira. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.

Continuamos a emisión recibindo a crónica do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que está subdividida en tres partes moi diferenciadas e que comezan cunha entradiña musical: 1ª O Bule Bulo, 2ª Que pasa, que pasa na Ribeira Sacra e "Sabedoría Popular", con chiscadelas recollidas na súa "libretiña pequena". Desexamos que teña un feliz verán.

Conectamos con MIGUEL, do FURANCHO O ALTO DA ALDEA, en Goián. É un grande defensor do rural. Agradecémoslle a súa información relacionada con este Furancho que está a ter unha grande afluencia, non só pola súa situación en Soutelo, na parroquia de Goián, senón tamén poque é un dos furanchos máis populares da provincia de Pontevedra, na que Miguel ofrece as "delicatesen" máis exquisitas e interesantes que el mesmo colleita (ovos das súas galiñas con patatas frixidas e catro especialidades máis), ademais dun bon viño albariño, tinto de especialidades autóctonas e un clarete de grande aceptación. Desexamos que siga tendo moita clientela.

A última intervención é a da nosa colaboradora MIRIAM RODRÍGUEZ, que pertence á Xunta Directiva da A.C.G. Rosalía de Castro, e que nos informa da vindeira celebración da "Festa Galega de Can Mercader-2025" conmemorando o "45 aniversario da propia Entidade". Felicitámola, pola parte que lle toca e despois de recibir o convite para que asistamos esta fin de semana, despedímola con música do propio Carlos Núñez que será o que abrirá esta celebración cun concerto o primeiro día, venres, acompañado das "Rosalieiras", cantareiras da Asociación. Desexamos que teñan moito éxito.

E, coa música de Carlos Núñez de fondo, despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.



jueves, 12 de junio de 2025

XOVES 12 de XUÑO do 2025

Comezamos, coma sempre, coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de musica para intentar poñernos en contacto co primeiro convidado. A verdade é que non puidemos contactar co TONO CORREA CORREDOIRA. Tivo un imprevisto que nos comunicou despois da emisión do programa. Sentimos moito non poder parabenizalo en directo, pero fixemos o posible por comunicar algunha cousa relacionada coa pretensión que tiñamos de conversar con el e falar da súa traxectoria artística e pictórica, así como da homenaxe que lle fixeron recentemente na Coruña. Faremos o posible por ofrecervos esa comunicación e charla noutra ocasión e seguro que nos deleitará coa súa intervención. Aproveitamos a ocasión para falar da "Festa Galega de Can Mercader" que se celebrará os días 20, 21 e 22 de xuño en Cornellà, organizada pola nosa Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro.

 

Seguimos a emisión e despois de escoitar unha peza muscial poñémonos en contacto con SABELA CAAMAÑO, do Grupo "Caamaño&Ameixeiras", a quen felicitamos polo recente premio a nivel Nacional que acaban de recibir. Fálanos dos Concertos que teñen previsto realizar próximamente, o día 15 deste mesmo mes en Braga (Portugal), o día 20 en Pantón, os días 27 e 28 en Betanzos (Festival do Pasatempo), o día 28 en Burela... ... unha xira que continuará no mes de xullo en Vigo, en Huesca e en Francia... Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.

Conversamos con NÉBEDA PIÑEIRO, Profesora e Directora de "Lina e Lola" un grupo de Pandereteiras e Cantareiras do Morrazo que teñen moito predicamento e son moi solicitadas as súas actuacións. Fálanos da súa traxectoria e recolleita de pezas de música tradicionais. As súas intervencións en diversos escenarios dan fe da súa valía. Estiveron no Luar da Televisión Galega, e actuaron con moitos e recoñecidos artistas da canción galega. Felicitámola polo seu traballo e desexamos que teñan moito éxito, nesa próxima noticia que nos indicou que pronto será publicada.
 

Conectamos con GUSTAVO PINO SALGADO, Licenciado en Dereito e escritor cunha certa producción literaria. Acaba de publicar unha novela, que leva por título: "MALDAD EN LOS TÚNELES", ambientada na comarca de Verín (Ourense). Coméntanos algo da trama que se pode atopar na súa lectura, unhas covas que aloxaron "fuxidos" da guerra civil, túneles que foron explotacións mineiras de wolframio e outras narracións noveladas que seguro terán moito interese para os interesados. Tamén nos da a coñecer a súa páxina onde se poden atopar todas as súas publicacións para poder mercalas. Agradecémoslle a información detallada e desexamos que teña moito éxito.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana!

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.

jueves, 5 de junio de 2025

XOVES 5 de XUÑO do 2025

Outro xoves máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado: o Ilmo.Sr. Alcalde de Ribas de Sil, don ROBERTO CASTRO GONZÁLEZ, que tamén é o Presidente do "Xeo-Parque Montañas do Courel". Esta fin de semana celebrarán a "XXI Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil". 7 e 8 de xuño na Praia Fluvial de San Clodio. Parabenizámolo pola celebración e porque o Pregoeiro deste ano será nada menos que o Presidente da Deputación de Lugo. Tamén nos comenta algúns aspectos relacionados con esta celebración e outras interesantes novidades relacionadas. Falamos dos expositores de produtos locais de grande claidade, dos adegueiros que participarán. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que teñan moito éxito.

O segundo participante na emisión de hoxe é RAMÓN VÁZQUEZ, das Casas Romina I e Romina II. Dúas Vivendas Rurais que el mesmo rehabilitou, unha delas de máis de douscentos anos de antiguidade e que están ao servicio dos clientes que desexen alugalas. Por outra parte tamén nos comenta que é criador e distribuidor de carne de vaca cachena, unha raza moi peculiar e característica da zona de baixa limia, pero que se adaptou moi ben na súa explotación gandeira. Fálanos das posibilidades que ofrece aos posibles clientes que se acheguen ás súas Casas, das ofertas de aluguer e posibilidades de visitas a lugares de interese turístico e rutas, así como o disfrute de catas en adegas coas que ten moita relación. Agradecémoslle a súa información detallada e desexámolle moitos éxitos.

Recibimos a crónica do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que como saben está subdividida en tres apartados: 1º.- o Bule-Bulo que contén seis noticias nas que aparece unha trola e proponnos atopala, 2º.- Que pasa que pasa na Ribeira Sacra, noticias frescas daquela contorna e 3º.- Sabedoría popular, na que recolle ditos e refráns moi acaidos, xunto coa colaboración dun personaxe que se ofrece como colaborador. Desexámoslle unha feliz semana.

A seguinte entrevista é con don ELADIO RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, da Adega Arco da Vella, en Beade. Ademais de adegueiro é un poeta que transmite unha feiticeira creatividade poética. Na páxina da súa adega: adegaarcodavella.com, podemos ler e recrearnos con algunhas das súas poesías, no apartado "O Rincón do Poeta". Tamén dispón doutro apartado (tenda) onde se poden atopar e mercar os seus viños: Tarabelo e Torques do Castro. Precisamente con ese mesmo nome de Tarabelo, teñen unha formación musical, coa que amenizan as súas actuacións degustando o viño e as lecturas poéticas. Desexamos que siga colleitando moitos éxitos.

Aproveitando a peza musical "Finisterre" do Grupo Treixadura, despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana!

Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.