jueves, 26 de septiembre de 2024

XOVES 26 de SETEMBRO do 2024

Unha nova emisión de "Galegos no BAIX" para poder disfrutar das intervencións galegas dos convidados, durante dúas horas de Radio en galego. Comezamos coa estrea dunha peza musical que nos envióu o noso primeiro entrevistado, SANTI VELOSO, Presidente da ASOCIACIÓN CULTURAL E PEDAGÓXICA: "PONTE NAS ONDAS", que dende 1995 ven realizando actividades educativas e culturais no norte de Portugal e Galicia. Dende o ano 2002 estan a traballar na recuperación e difusión do Patrimonio Cultural común aos galegos e portugueses. Mantemos unha conversa chea de ensino e novidades moi interesantes, relacionadas coas propostas que realizarán durante este curso, e moi concretamente a celebración do trinta aniversario da creación e posta en marcha de "Ponte nas Ondas". Foi declarada pola UNESCO como "Exemplo Multicultural de Boas Prácticas". Parabenizámolo en nome de todo o equipo e desexamos que acaden moito éxito en todos os seus proxectos. Seguiremos en contacto.

O seguinte convidado é XANDRE VÁZQUEZ, de Educateatro, que nos fala da próxima estrea e posta en marcha dun Circo en Redondela, que será unha novidade moi importante a nivel de Galicia, única, galega cen por cen. Inauguran o día 4 de outubro: CIRCO DE PINOCHO. Levan preparando este acontecemento con moitísima ilusión dende fai moito tempo. Dende moi cativo sempre tivo a ilusión de montar un Circo, e pronto se fará realidade, para disfrute de maiores e cativos. Fálanos moi ilusionado dese espectáculo circense, musical e de creatividade, un espectáculo único que fusiona  o mellor do teatro musical e o circo, e que pretenden realizado ata o día 13, pero que despois desprazaranse por diversas cidades de Galicia, amosando unha nova visión do circo. Desexamos que teña moito éxito.


Escoitamos outra peciña de música para recibir ao poeta e escritor galego CARLOS DA AIRA, responsable do "Poemagosto - Festival Internacional de Poesía de Allariz", que se celebrará o día 5 de outubro no patio de Museo do Coiro. Un espacio de encontro de libre expresión con poesía, música e obradoiro, no que participarán unha morea de poetas que nos da a coñecer na súa intervención Carlos. Tamén haberá unha grande celebración infantil coa participación dunha grande colaboradora, para disfrute de cativos e familias. Desexamos que teñan moito éxito nesa andaina cultural chea de engado.


Despois de escoitar a Xabier Díaz, co comezo da súa peza "Flor de Maio", poñémonos en contacto con ARTUR PASTORIZA PUGA, grande Mestre e Profesor de Baile, investigador e divulgador con quen mantemos unha conversa moi interesante. Fálanos do seu traballo profisional, das súas actuacións recentes e tamén da posta en marcha do ""Seisporoito", para profesionalizar o baile e a música tradicional, un proxecto moi interesante e que terán a oportunidade, tódolos interesados e interesadas, de poder participar e apuntarse para recibir as clases respectivas, na súa propia páxina seisporoito.gal, que se celebrará unha vez ao mes (inauguración o vindeiro día 16 de outubro, concretamente, un domingo) nun local do Clot. Haberá dous turnos de clases: Iniciación e de Perfeccionamento. Non desbota calquera outra proposta para ampliar as clases nalgún Centro Galego que estea interesado. Desexamos que colleite moitos éxitos, despedímonos ate o xoves próximo.
 

Deixamos aquí o programa completo.




jueves, 19 de septiembre de 2024

XOVES 19 de SETEMBRO do 2024

Segundo programa desta nova tempada 2024-2025.  Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e ben-vinda aos nosos oíntes e seguidores. Disculpamos a ausencia do noso compañeiro ARMANDO FERNÁNDEZ, por mor dun asunto moi persoal que atender, pero seguro que o vindeiro xoves poderemos contar coa súa presencia. Escoitamos unha peciña musical e poñémonos en contacto con AVELINO GONZÁLEZ, actor galego, narrador oral, monologuista, director de teatro e especialista de animación na rúa. Felicitámolo porque acaban de concederlle o título de "Xograr de Outono", no FIOT de CARBALLO. Unha conversa moi amena e chea de informacións relacionadas coa súa traxectoria creativa, tanto no teatro como outras innovacións moi interesantes. Agradecémoslle a súa participación de hoxe e desexámoslle moitos éxitos.


Escoitamos a peza: "O teu camiñar", de CAROLINA RUBIROSA, cantautora nada en O Grove, cunha traxectoria musical moi exitosa. Parabenizámola por estar elixida e participar, como xurado, no programa da Televisión Galega: "Liga dos Cantantes Extraordinarios". Pequena conversa, pero chea de contido e informacións persoais; fálanos dos seus traballos, das súas publicacións... e tamén dos proxectos nos que está a traballar para voltar a publicar non tardando. Estaremos atentos para poder ofrecérlle-los aos nosos oíntes e seguidores. Desexamos que Carolina siga acadando moitos éxitos, e despedímola con outra das súas cancións: "Sozinha".
 

O seguinte convidado é PEPE DO FIEIRO, persoa entrañable, de 90 anos de idade, que nos recibe moi amablemente, dende Fisterra. Coñecedor e grande camiñante do Monte Pindo -O Olimpo sagrado dos Celtas-, que axuda a coñecer a moitos interesados e desexosos de saber algo máis. Recomenda visitar esa grande reserva natural chea de engado e moitas lendas, así como tamén algunhas covas. Nos seus anos mozos ía con outros compañeiros a ese entorno facendo de pastor de ovellas, cabras e outros animais pertencentes aos pobos que lindan con esa fermosa zona, que se ergue con ciclópeas rocas zoomorfas ata chegar á Moa, con 627 metros de altitude sobre o nivel do mar. Dende alí pódense contemplar fermosísimas vistas panorámicas e unha posta de sol incomparable. Outro espectáculo é a fervenza do río Xallas, que se precipita ao mar dende corenta metros formando a Ría de Ézaro, única do mundo. O Sr.Pepe coñece os nomes de tódalas pedras e formas que alí se atopan. Tamén as ten anotadas nun seu caderno. Agradecémoslle a súa amable atención.

Falamos con CAROLINA SILVA, Presidenta da Asociación-Pro Fundación manoelvello.gal. Unha conversa moi interesante, na que nos pon ao corrente da figura que foi Manoel Vello, un activista cheo de inquedanzas por acadar un emprego do noso idioma en tódolos aspectos da vida, no consumo, no traballo, no lecer, nas comunicacións, nos xornais, nas novas tecnoloxías, nas documentacións, nos letreiros, nos envases, nos produtos galegos tanto alimenticios como doutra clas... Como eles mesmos nos din na súa páxina: É Manoel quen nos convoca para transmitirmos co goce do idioma, para revitalizalo e levalo de paseo, con alegría facendo de cada día unha festa co seu uso. Convida a tódolos nosos oíntes e seguidores para que entren na súa páxina web e facerse socios para poder acadar esa finalidade: A Fundación manoelvello.gal. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que acaden ese obxectivo tan importante.

A última intervención é a de XURXO SOUTO, grande comunicador, actor, músico acordionista, escritor, director e locutor, Licenciado en filoloxía clásica. Recibímolo escoitando unha peza de Uxía, titulada: "Mazacinha"... Parabenizámolo porque será o encargado de participar, o día 21 de setembro, reivindicando a poesía de Vicente Risco, celebrando o 140 aniversario do nacemento del: Rock&Risco, NO ROI XORDO de Allariz, xunto a Radio Océano. Unha conversa á que nos convida a achegarnos, aínda que nos queda lonxana, porque será unha celebración especial e chea de engado. Augurámoslle moito éxito nesa fermosa celebración o sábado vindeiro. Moitas grazas, Xurxo. E despedímolo tamén con outra peciña: "Fui a fonte beber agua", de Antonio Zambujo. E aproveitamos para despedírmonos tamén nosoutros ata o vindeiro xoves á mesma hora.

Que teñan unha feliz semana! Deixamos aquí o programa completo.


jueves, 12 de septiembre de 2024

XOVES 12 de SETEMBRO do 2024

 TEMPADA 2024 - 2025    

Comezamos unha nova tempada dándolles a Ben-Vinda a tódolos nosos oíntes e seguidores. Escoitamos a nosa sintonía de sempre e ofrecémoslle unha peza de música popular, interpretada polo Grupo "Son do SIL": "Galicia docemente", para recibir á nosa primeira convidada: MARTA GONZÁLEZ CASAS, da empresa rexentada por ela e mais Xosé David "Olivareiros.es". Mantemos unha pequena conversa-entrevista para coñecer un pouco máis polo miúdo ese traballo tan interesante de recuperar as árbores centenarias dos seus antergos, autóctonas, variedades Brava e Mansa, pero tamén outras de distintas variedades, na localidade de Sequeiros, pertence a Quiroga. Un aceite de grande calidade e moi solicitado. Desexamos que teñan moito éxito na súa tarefa e unha boa colleita.

O seguinte convidado é PEPE FORMOSO, do Hotel Literario Bela Fisterra, que nos fala do grande acontecemento relacionado co tema video-poema musical co que o recibimos: "Un peixe é un peixe, é un peixe", recitado por Marilar Alexandre, no que participa nada menos que Alberto Pombo, poema homenaxe ao poeta fisterrán Alexandre Nerium. Mantemos unha conversa chea de novidades e informacións moi interesantes. Sempre é un pracer conversar con este comunicador que nos ten preparadas noticias e novidades que comparte con todos nosoutros. Prométenos sorprender con grandes acontecementos en vindeiras datas. Agradecémoslle a súa colaboración e desexámoslle moitos éxitos en tódalos seus proxectos.

Despedimos a Pepe, coa música de Treixadura: "Fisterra". E despois escoitamos o Himno del Riego, coma homenaxe ao seguinte convidado: Eduardo Alberto Rodríguez Cunha, máis coñecido por TATÁN CUNHA, que será o representante da súa Compañía, Tanxarina Títeres no Teatro Municipal Matosinhos (Constantino Nery), onde se interpretará a coproducçao do evento galego-portugués: "Territorios da Liberdade", xunto coa Companhia Certa da Varzím Teatro e Centro Dramático Galego. Tamén nos fai partícipes da concesión de "Xograr de Outono" ao actor Avelino González no FIOT de Carballo. Un grande que temos na axenda para entrevistar e felicitar en directo. Despedímolo, escoitando a peza reivindicativa"Uah!"de Suso Vaamonde, desexándolle que acaden moitos éxitos.

A última conversa-entrevista é con EDU CARREIRA, poeta galego, de Castroverde concretamente. Fainos unha presentación do que é o Grupo de escritores e poetas que se denominan "Os Nabos de Gracián", qué o mesmo título que recibe o primeiro libro publicado por eles, no que participan todos. Tamén nos adianta algunhas novidades máis, como a incorporación dalgunha que outra persoa creativa, e non desbotan o ingreso doutras que desexen participar con eles nas súas inquedanzas. Agradecémoslle a súa amable atención e participación. Finaliza coa lectura dun poema do seu pai.

Desexamos que volvan a sintonizarnos o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana! Deixamos aquí o programa completo.



sábado, 7 de septiembre de 2024

7 de SETEMBRO do 2024

Benqueridos escoitantes e seguidores, o vindeiro xoves, día 12 comezaremos unha nova andaina, tempada 2024 - 2025. Estaremos, coma sempre dende as catro da tarde ata as seis, emitindo en galego, co ánimo de ofrecervos novidades, entrevistas e música galega de actualidade. Desexamos ofrecervos dúas horiñas de entretenemento e comunicación agradable. ¡CONECTÁDEVOS!