jueves, 19 de septiembre de 2024

XOVES 19 de SETEMBRO do 2024

Segundo programa desta nova tempada 2024-2025.  Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións e ben-vinda aos nosos oíntes e seguidores. Disculpamos a ausencia do noso compañeiro ARMANDO FERNÁNDEZ, por mor dun asunto moi persoal que atender, pero seguro que o vindeiro xoves poderemos contar coa súa presencia. Escoitamos unha peciña musical e poñémonos en contacto con AVELINO GONZÁLEZ, actor galego, narrador oral, monologuista, director de teatro e especialista de animación na rúa. Felicitámolo porque acaban de concederlle o título de "Xograr de Outono", no FIOT de CARBALLO. Unha conversa moi amena e chea de informacións relacionadas coa súa traxectoria creativa, tanto no teatro como outras innovacións moi interesantes. Agradecémoslle a súa participación de hoxe e desexámoslle moitos éxitos.


Escoitamos a peza: "O teu camiñar", de CAROLINA RUBIROSA, cantautora nada en O Grove, cunha traxectoria musical moi exitosa. Parabenizámola por estar elixida e participar, como xurado, no programa da Televisión Galega: "Liga dos Cantantes Extraordinarios". Pequena conversa, pero chea de contido e informacións persoais; fálanos dos seus traballos, das súas publicacións... e tamén dos proxectos nos que está a traballar para voltar a publicar non tardando. Estaremos atentos para poder ofrecérlle-los aos nosos oíntes e seguidores. Desexamos que Carolina siga acadando moitos éxitos, e despedímola con outra das súas cancións: "Sozinha".
 

O seguinte convidado é PEPE DO FIEIRO, persoa entrañable, de 90 anos de idade, que nos recibe moi amablemente, dende Fisterra. Coñecedor e grande camiñante do Monte Pindo -O Olimpo sagrado dos Celtas-, que axuda a coñecer a moitos interesados e desexosos de saber algo máis. Recomenda visitar esa grande reserva natural chea de engado e moitas lendas, así como tamén algunhas covas. Nos seus anos mozos ía con outros compañeiros a ese entorno facendo de pastor de ovellas, cabras e outros animais pertencentes aos pobos que lindan con esa fermosa zona, que se ergue con ciclópeas rocas zoomorfas ata chegar á Moa, con 627 metros de altitude sobre o nivel do mar. Dende alí pódense contemplar fermosísimas vistas panorámicas e unha posta de sol incomparable. Outro espectáculo é a fervenza do río Xallas, que se precipita ao mar dende corenta metros formando a Ría de Ézaro, única do mundo. O Sr.Pepe coñece os nomes de tódalas pedras e formas que alí se atopan. Tamén as ten anotadas nun seu caderno. Agradecémoslle a súa amable atención.

Falamos con CAROLINA SILVA, Presidenta da Asociación-Pro Fundación manoelvello.gal. Unha conversa moi interesante, na que nos pon ao corrente da figura que foi Manoel Vello, un activista cheo de inquedanzas por acadar un emprego do noso idioma en tódolos aspectos da vida, no consumo, no traballo, no lecer, nas comunicacións, nos xornais, nas novas tecnoloxías, nas documentacións, nos letreiros, nos envases, nos produtos galegos tanto alimenticios como doutra clas... Como eles mesmos nos din na súa páxina: É Manoel quen nos convoca para transmitirmos co goce do idioma, para revitalizalo e levalo de paseo, con alegría facendo de cada día unha festa co seu uso. Convida a tódolos nosos oíntes e seguidores para que entren na súa páxina web e facerse socios para poder acadar esa finalidade: A Fundación manoelvello.gal. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que acaden ese obxectivo tan importante.

A última intervención é a de XURXO SOUTO, grande comunicador, actor, músico acordionista, escritor, director e locutor, Licenciado en filoloxía clásica. Recibímolo escoitando unha peza de Uxía, titulada: "Mazacinha"... Parabenizámolo porque será o encargado de participar, o día 21 de setembro, reivindicando a poesía de Vicente Risco, celebrando o 140 aniversario do nacemento del: Rock&Risco, NO ROI XORDO de Allariz, xunto a Radio Océano. Unha conversa á que nos convida a achegarnos, aínda que nos queda lonxana, porque será unha celebración especial e chea de engado. Augurámoslle moito éxito nesa fermosa celebración o sábado vindeiro. Moitas grazas, Xurxo. E despedímolo tamén con outra peciña: "Fui a fonte beber agua", de Antonio Zambujo. E aproveitamos para despedírmonos tamén nosoutros ata o vindeiro xoves á mesma hora.

Que teñan unha feliz semana! Deixamos aquí o programa completo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario