Outra emisión máis do noso programa "Galegos no BAIX". Comezamos coa nosa sintonía de sempre, e despois das salutacións de sempre, escoitamos unha audición do próximo convidado de hoxe, PACO RODRÍGUEZ GÓMEZ-DACAL. Saudámolo, dámoslle a benvinda e parabenizámolo polo seu traballo de recollida de cancións e coplas populares moi antigas. Entregou nada menos que varios cassetes coas pezas e coplas gravadas naquela zona de Xinzo da Limia, algunhas delas coa voz propia das persoas que lle-las ensinaron. Fainos un agasallo especial, cantando un bocadiño dalgunha daquelas coplas que aprendeu. Entregou toda esa documentación ao Museo do Pobo Galego, onde se atopan xa accesibles para tódolos estudosos e interesados na recolleita popular. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.
Continuamos con máis música, e nunca mellor dito, porque deseguida poñémonos en contacto con BIEITO ROMERO, do Grupo Musical BREO, que acaban de presentar un CD que leva por título: "Máis Alá". Recíbenos moi amablemente e coméntanos cómo foi o traballo de gravación e composición. Mantemos unha conversa moi agradable na que nos fala de onde procede o nome do Grupo Musical e cómo elixiron ese nome tan céltico e feiticeiro. Tamén nos comenta que xa o presentaron na Sala Garufa, da Coruña e próximamente tamén o presentarán na Casa das Crechas, en Santiago de Compostela. Recibímolo cunha das súas pezas, María a Meiga, e despedímolo tamén con outra peza que se atopa no seu disco. Despedímolo e desexamos que teñan moito éxito.
Conectamos agora con SILVIA CASTAÑEDA, Presidenta da "IRMANDADE GALEGA DE RUBÍ". Parabenizámola polo traballo que están a realizar nese Centro Galego. Coméntanos que celebrarán o día 2 de novembro a Festa do Magosto previa presentación dun documental moi interesante, titulado: "Anduriña, muller de ida e volta". Fainos saber que estiveron a traballar investigando sobre a posibilidade real de que o Camiño de Santiago pasara por Rubí. Teñen moita documentación e tan só están a espera dun documento que confirme realmente as súas investigacións. Para dalo a coñecer teñen previsto a realización dunha "Pulpada popular" o día 9 de novembro, coa posibilidade de expoñer imaxes fotográficas dos camiños que fixeron. Desexamos que todo decorra con ben.
Unha última conexión é con MIGUEL MOSQUERA, que pertence a FINA REI (Artesans de Repostería) en Allariz. Agradecémoslle a súa atención e parabenizámolo pola recente presentación dun traballo escpecional que conta coa aportación artística de varios escultores. Chámase LEGATUM. Son reproducións, en chocolate recheo, de esculturas realizadas por cinco escultores de renome: Acisclo Manzano, Soledad Penalta, Arturo Andrade, Xosé Cid e Acisclo Novo. Esas figuras reciben o nome de: Xénese, Agarimo, Díscolo, Odisea e Perenne. Representan o ciclo da vida, tal e como nos comenta Miguel. Unha forma máis de aportar cultura xunto co traballo artesanal que caracteriza esa Empresa que cumple máis de cincoenta anos de existencia. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe.
Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora.
Deixamos aquí o programa completo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario