Ultimo programa desta tempada 2017-18, que comezamos dándolles a ben-vida e ofrecéndolles unha peciña musical para conectar co noso amigo entrañable Henrique Fernández-Mon-Sánchez, que nos fala dende as Terras de Navia de Suarna e comprometémonos a que se convirta nun novo correspondente da nosa humilde emisión en Galego. Procuraremos artellar os medios para que a vindeira tempada, que comezaremos en setembro, sexa unha oportunidade para que nós e os nosos oíntes e seguidores poidamos disfrutar da participación e colaboración de Kike, ben sexa semanalmente ou quincenalmente. Despedímonos e comprometémonos a traballar nese sentido.
A seguinte conexión é novamente con Galicia, para falarmos con GUADI GALEGO, esa artista consagrada que nos fala do seu ultimo traballo publicado (Bola de Cristal) e que está a promocionar moi intensamente. Agradecémoslle a súa amable atención, felicitámola polos 20 anos de carreira nesa andaina artística e desexámoslle moitos éxitos. Seguiremos a súa traxectoria.
Na segunda hora, a sección do noso corresponente na Ribeira Sacra, Quen che preguntou? a cargo de Xosé Manuel F. Montes, encétaa cos seus "Me ghustan e Non me Ghustan" cheos de novidades e noticias relacionadas coa actualidade galega. Despois fainos unha pequena relación de posibles visitas e celebracións que se poden disfrutar nesta próxima fin de semana e na seguinte. Tamén nos envía a súa "viñeta" alusiva a unha das comunicacións que nos aportou. ¡Moitas grazas, Xosé Manuel! e ¡Que teñas unhas felices vacacións! (mereceidísimas).
Finalizamos o programa de hoxe conectando con don RAFAEL LEMA MOUZO, escritor e grande coñecedor da Costa da Morte. Conferenciante que nos pon ao corrente das súas investigacións relacionadas cos naufraxios naquelas contornas e fálanos da próxima edición e publicación dun seu libro en castelán , que levará por título: "Costa da Morte, un país de sueños y naufragios". Desexámoslle moitos éxito e seguro que voltaremos a falar con el para que nos comente cousas desa publicación.
E despedímonos de todos vostedes, ate o próximo mes de SETEMBRO, que voltaremos con tantos ou máis azos, para continuar ofrecéndolles estas dúas horiñas de radio en galego, coas que pretendemos que todos disfrutedes da nosa compaña. ¡¡¡ Que teñades unhas felices vacacións !!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario