Outra entrega máis deste noso programa "Galegos no BAIX", con desexos de aprender e que pasen dúas horas de Radio en Galego, cheas de información, música e novidades interesantes. Comezamos coa nosa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para recibir á primeira convidada,
SONIA MELÓN PARENTE, poeta en Ponteareas. Parabenizámola polos traballos que está a realizar, moi relacionados coa poesía, concretamente a participación en Lugo nun Recital Poético cos "Nabos de Gracián" o día nove de novembro pasado. Hoxe mesmo participará noutro "Recital Poético Musical" na Sala Multiusos do Auditorio Municipal R.Soutullo. Antes de despedirse agasállanos coa lectura dun seu poema. ¡Moitas grazas e moitos éxitos Sonia!
A segunda convidada é
SILVIA PENAS ESTÉVEZ, escritora e poeta viguesa, a quen felicitamos porque mañá mesmo, na Gala que se celebrará no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) vai a recibir o Premio á Mellor composición poética Galega do ano. Mantemos unha conversación con ela, chea de ensino e aprendendo moito do seu quefacer creativo poético-musical. Agradecémoslle a súa participacion no programa de hoxe e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.
Continuamos a emisión e poñémonos en contacto con
ILDA GÓMEZ, da Queixería
DIQUEIXA.com en Monterroso. Unha explotación queixeira de moito prestixio con Denominación de Orixe Protexida con respecto ao queixo Arzúa-Ulloa. Coméntanos a elaboración dos queixos que ofrecen e que se poden mercar en diversos establecementos e tamén se lle poden demandar na súa páxina web. Agradecémoslle que nos atendera tan amablemente e desexamos que continúen nese labor tan importante para a alimentación.
Conectamos novamente con Galicia, para falar con
FABIO RIVAS PARDO, un escritor pontevedrés que está a ter unha relevancia actual moi recoñecida. Ven de publicar un libro de relatos "
A pintura debida" que como nos explica "
son oito relatos enfiados entre sí, pero que ao mesmo tempo compoñen un único magma". Está editado por Xerais. Falamos da súa traxectoria creativa e dalgún Premio acadado, como o II Certame de Relato Curto en Igualdade Lonxa Literaria-Concello de Moaña, por
"Os gatos pardos", e gañador do Certame de Relatos convocado pola Sociedade Liceo de Noia, por
A mortalla e os ourizos. Felicitámolo e desexamos que siga acadando moito éxitos.
Tamén comentamos algunhas cousas referentes á presentación do libro: "Certame de Poesía ROSALÍA DE CASTRO (2019-2023)" que se realizará o próximo día 29 de novembro ás 16h no CULTURGAL-2024, en Pontevedra, coa asistencia do Vicepresidente da A.C.G.Rosalía de Castro de Cornellà (Alfonso Rico), Valentín García, Secreatrio Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Armando Requeixo, e un servidor. Seguramente contaremos coa presencia dalgún dos poetas premiados. Tamén falamos dalgúns Discos musicais (CD) publicados este ano 2024, e que temos en carteira poder ofrecérllelo aos nosos oíntes e seguidores, xunto con algunha que outra entrevista dos seus autores. Despedímonos ate o vindeiro xoves.
Deixamos aquí o programa completo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario