Comezamos unha nova emisión do "Galegos no BAIX" coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música, para darlle a ben-vinda ao noso primeiro convidado, XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ, Presidente da Asoc.Amigos do Couto Mixto, Presidente do Foro Peinador e moitas cousas máis... Recíbenos moi amablemente e infórmanos moi detidamente dos actos que se celebraron relacionados precisamente coa entrega das distincións aos Xuíces Honorarios do Couto Mixto. Tamén aproveita para falarnos dos Premios Bacelos de Prata, que se entregarán esta fin de semana próxima, e outras e importantes novidades de grande alcance, que se celebrarán en vindeiras datas. Agradecémoslle a súa colaboración de hoxe e desexámos que teñan moito éxito en tódolos acontecementos previstos.
Despois de escoitar outro bocadiño de música, poñémonos en contacto con MODESTO FRAGA MOURE, escritor e poeta Fisterrán, que nos fala do seu recente libro publicado en Medulia, baixo o título: "As almas da Fisterranía", e que o presentará mañá no Salón de Actos do Concello de Fisterra, acompañado do Ilmo.Sr. Alcade, a Concelleira de Cultura e o músico Juanma Abelleira. Coméntanos un pouco de qué trata o libro e despois de agradecerlle a súa aportción de hoxe, desexámoslle moitos éxitos.
Despedimos a Modesto e a continuación falamos e entrevistamos a DOMINGO GONZÁLEZ LORENZO, "CHEF" no Balneario CALDARIA de Lobios. Ten previsto ofrecer un "showcooking-demostración" culinaria centrada na castaña, con seis produtos culinarios innovadores, no Auditorio Municipal de Escairón (Concello de Saviñao). A sesión está promovida pola Asociación das Castañas e dos Soutos de Galicia, en colaboración coa Área do Rural da vicepresidencia da Deputación de Lugo. Fálanos dese traballo e coméntanos cales serán os pratos que se poderán degustar nese evento. Desexamos que siga colleitando moitos exitos.
A continuación falamos con MARIAN MARTÍNEZ MARTÍNEZ, Concelleira de Cultura do Concello de A Proba do Brollón. Felicitámola pola celebración da "XI Xornadas(Festival) As Cores do Outono", na que contarán coa actuación de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. Ademais doutras ofertas cheas de engado, haberá un obrador de baile. Cóntanos que para abrir boca mañá, venres, terán a presentación do libro-CD "Concha do Canizo", a cargo da etnomusicóloga Xulia Feijoo. Desexamos que disfruten con esa celebración e desexámoslles moitos éxitos.
Antes de finalizar conectamos co noso correspondente XOAN ARCO DA VELLA, que nos adianta unha novidade moi interesante que tratará de completala en vindeiras emisións, relacionada coa construcción dos muros coa técnica da "pedra seca".
Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que teñan unha feliza semana! e deixamos aquí o programa completo:
No hay comentarios:
Publicar un comentario