jueves, 2 de octubre de 2025

XOVES 2 de OUTUBRO do 2025

Unha nova emisión deste noso programa "Galegos no BAIX", que comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e saúdos, xunto cunha especial felicitación a unha parexa de amigos fieis seguidores, Manoli Ferreira e Juan Asensio, que celebran o seu cincuenta aniversario de bodas e parabenizámolos cunha peza das Malvela, que desexamos sexa do seu agrado: Sete Saias. Precisamente esa peza sérvenos para recibir ao primeiro convidado de hoxe, JOSÉ ANTONIO LIÑARES, Presidente da "Asociación Galega das Castañas e dos Soutos". Tamén aproveitamos a ocasión para felicitalos pola recente celebración que organizaron e que tivo lugar a semana pasada no Auditorio Municipal de Escairón. Tamén nos comenta o próximo evento: O IV Foro da Castaña en Riós. Agradecémolle a súa participación e desexámoslles que teñan moitos éxitos.


O segundo convidado é PEPE FORMOSO, do Hotel Literario Bela Fisterra, a quen parabenizamos plo recente Premio que foi a recoller a Mallorca. Tamén nos fala do evento que tivo lugar a semana pasada no Hotel antes mencionado: a celebración do 75 Aniversario da Editorial Galaxia, que contou cunha morea de personaxes de grande renome e ao que se xuntou a participación musical do Grupo Os Sib do Solpor. Mantivemos unha conversa chea de información e novidades interesantes, así como novidades próximas a celebrar. Agradecemos a súa participación e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.


A seguinte colaboración é a do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos) Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU, que como ben sendo habitual segue a repartila en varias sub-seccións nas que propón asuntos moi interesantes, comezando coas noticias e rematando coa colaboración dun personaxe famoso, que neste caso é nada menos que Avelino González.

Finalizamos a emisión cunha entrevista con FERNANDO MOSQUERA. Infórmanos do seu último traballo, Atlantic Connections, cuxa música escoitamos de fondo, así como dos seus anteriores CD, producidos e realizados por el mesmo no seu estudio. Música celta na que conta con colaboracións de grandes intérpretes e fermosas composicións. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle moitos éxitos.

Despedímonos coa música de Fernando Mosquera ata o vindeiro xoves á mesma hora. Deixamos aquí o programa completo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario