Outro programiña máis con todos vosoutros. Comezamos coma sempre, coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao noso correspondente, incansable viaxeiro e reporteiro gráfico 
XOAN ARCO DA VELLA, que nos fala dende unha das súas visitas interesantes e que por mor do tempo, algo desapacible, non pode refrexar o que ía buscando. Fálanos dende a Serra do Suído, perto de Covelo. Tamén lle da tempo para comentar algunhas cousas relacionadas coa gastronomía e coa próxima celebración dos magostos populares. Agradecémoslle a súa aportación.
A seguir poñémonos en contacto con MIRIAM RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà, que nos fala da próxima celebración do MAGOSTO 2025, á que nos convida a tódolos socios e simpatizantes, prevista para o día oito de novembro próximo. Tamén nos comenta a recente participación na festa que se celebrou a fin de semana pasada "Hospifolk". A pesar da chuvia tiveron ocasión de ofrecer a participación do Grupo de Baile, as "Rosalieiras" e a Banda da Entidade.
 
Falamos con LUCIANO PÉREZ, que nos informa do recentemente celebrado CELME DA ZANFONA, en Lugo, que el mesmo coordina. Grande éxito de participación, tanto de alumnos como de profesores e virtuosos da zanfona. Indícanos que tódolos interesados poden acudir á páxina do Museo de Instrumentos Musicais CENTRAD de Lugo, que el mesmo dirixe, para admirar a exposición de instrumentos que teñen así como moita documentación á que poden acceder. Agradecémoslle a información recibida.

Poñémonos en contacto con 
ALFONSO MIGUEL MARTIN, da Asociación de Bercianos en Cataluña 
(ASOBECAT) para que nos informe do evento que celebrarán no 
"Asador del Bierzo", en Barcelona, este sábado día un de novembro. Será a "Castañada 2025", que cada ano organizan con grande participación e moito éxito. Aínda se poden apuntar e retirar os tiques para poder asistir chamando aos teléfonos que aparecen no folleto informativo do menú, que non son só castañas. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que teñan moito éxito.
Recibimos a 
ELIGIO SUEVOS, da Directiva do 
Centro Galego de Lleida, que tamén nos fala do "Magosto 2025", que teñen previsto realizar este mesmo sábado. Primeiro celebrarán unha Misa adicada aos socios da Entidade, cantada polo seu Coral 
"Cengallei". Despois ofrecerán a tódolos asistentes as castañas e panellets, acompañados de viño do Ribeiro e Moscatel. Tamén nos comenta a recente celebración da Festa do Marisco e do polbo que tiveron hai dúas semanas e adiántanos a próxima da Semana Cultural prevista para o mes de decembro, na que contarán con Ruben Riós, grande comunicador e que posiblemente presente un documental moi interesante. Desexámoslles moitos éxitos.
A última conexión é con 
José Manuel Barbosa KATURO BARBOSA, que nos fala da celebración da 
"II Xornada Manoel Vello", realizada o domingo pasado no  Castelo de Soutomaior, promovida pola
 Asociación Pro-Fundación Manoel Vello e co apoio do propio Concello e da Deputación de Pontevedra, baixo o título: 
“A historia de Galicia como motor cinematográfico”. Estivo moderada polo escritor César Pazos e contou coa participación do propio José Manuel Barbosa, dos directores de cine Tomé Martínez e Iago Sant, ademais do historiador inglés Simón Doubleday, que pariticipou no debate xunto co público asistente. Agradecémoslle a súa colaboración e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.
Con música de fondo despedímonnos ate o vindeiro xoves á mesma hora.
Deixamos aquí o Programa Completo - Enteiro.
 
 
No hay comentarios:
Publicar un comentario