jueves, 30 de octubre de 2025

XOVES 30 de OUTUBRO do 2025

Outro programiña máis con todos vosoutros. Comezamos coma sempre, coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao noso correspondente, incansable viaxeiro e reporteiro gráfico XOAN ARCO DA VELLA, que nos fala dende unha das súas visitas interesantes e que por mor do tempo, algo desapacible, non pode refrexar o que ía buscando. Fálanos dende a Serra do Suído, perto de Covelo. Tamén lle da tempo para comentar algunhas cousas relacionadas coa gastronomía e coa próxima celebración dos magostos populares. Agradecémoslle a súa aportación.


A seguir poñémonos en contacto con MIRIAM RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà, que nos fala da próxima celebración do MAGOSTO 2025, á que nos convida a tódolos socios e simpatizantes, prevista para o día oito de novembro próximo. Tamén nos comenta a recente participación na festa que se celebrou a fin de semana pasada "Hospifolk". A pesar da chuvia tiveron ocasión de ofrecer a participación do Grupo de Baile, as "Rosalieiras" e a Banda da Entidade.

 

Falamos con LUCIANO PÉREZ, que nos informa do recentemente celebrado CELME DA ZANFONA, en Lugo, que el mesmo coordina. Grande éxito de participación, tanto de alumnos como de profesores e virtuosos da zanfona. Indícanos que tódolos interesados poden acudir á páxina do Museo de Instrumentos Musicais CENTRAD de Lugo, que el mesmo dirixe, para admirar a exposición de instrumentos que teñen así como moita documentación á que poden acceder. Agradecémoslle a información recibida.

Poñémonos en contacto con ALFONSO MIGUEL MARTIN, da Asociación de Bercianos en Cataluña (ASOBECAT) para que nos informe do evento que celebrarán no "Asador del Bierzo", en Barcelona, este sábado día un de novembro. Será a "Castañada 2025", que cada ano organizan con grande participación e moito éxito. Aínda se poden apuntar e retirar os tiques para poder asistir chamando aos teléfonos que aparecen no folleto informativo do menú, que non son só castañas. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que teñan moito éxito.


Recibimos a ELIGIO SUEVOS, da Directiva do Centro Galego de Lleida, que tamén nos fala do "Magosto 2025", que teñen previsto realizar este mesmo sábado. Primeiro celebrarán unha Misa adicada aos socios da Entidade, cantada polo seu Coral "Cengallei". Despois ofrecerán a tódolos asistentes as castañas e panellets, acompañados de viño do Ribeiro e Moscatel. Tamén nos comenta a recente celebración da Festa do Marisco e do polbo que tiveron hai dúas semanas e adiántanos a próxima da Semana Cultural prevista para o mes de decembro, na que contarán con Ruben Riós, grande comunicador e que posiblemente presente un documental moi interesante. Desexámoslles moitos éxitos.

A última conexión é con José Manuel Barbosa KATURO BARBOSA, que nos fala da celebración da "II Xornada Manoel Vello", realizada o domingo pasado no  Castelo de Soutomaior, promovida pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello e co apoio do propio Concello e da Deputación de Pontevedra, baixo o título: “A historia de Galicia como motor cinematográfico”. Estivo moderada polo escritor César Pazos e contou coa participación do propio José Manuel Barbosa, dos directores de cine Tomé Martínez e Iago Sant, ademais do historiador inglés Simón Doubleday, que pariticipou no debate xunto co público asistente. Agradecémoslle a súa colaboración e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.


Con música de fondo despedímonnos ate o vindeiro xoves á mesma hora.

Deixamos aquí o Programa Completo - Enteiro.


jueves, 23 de octubre de 2025

XOVES 23 de OUTUBRO do 2025

Outra programa máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para poñernos en contacto coa primeira convidada: ELBA PEDROSA, escritora, poeta, artista, presentadora, xornalista... que lle concederon o Premio á mellor Poesía de Galicia do 2024 no Ari(T)mar desta edición 2025, polo seu poema "Onde imos agora?". Parabenizámola e desexamos que siga colleitando moitos éxitos. Mantemos unha pequena conversa-entrevista para coñecer un pouco da súa traxectoria creativa e poética fundamentalmente e coméntanos algunhas cousiñas moi interesantes. O seu último traballo editado por Edicións Embora DES A MAR ultrasónico. Agradecémoslle a participación no noso programa de hoxe.
 

A segunda comunicación é con MAR DÍAZ e ADRIÁN, da "Panadería da Montaña" en Becerreá. Felicitámolos porque ese establecemento acaban de inauguralo, no pasado mes de xullo. Non tiñan panadería e segundo nos informan está a ter moita clientela e moito éxito cos produtos que elaboran, especialmente o pan con fariñas do país e mezclas de trigo e centeo. Tamén ofrecen roscós, madalenas e empanadas variadas, de atun, de carne e de liscos. Desexamos que teñan moito éxito.

Tamén nos poñemos en contacto con CESAR PAZOS, que será o coordinador da "II Xornada Manoel Vello", que se celebrará o vindeiro domingo día 26 no Castelo de Soutomaior, baixo o título: "A Historia de Galicia como motor cinematográfico". Contará coa participación de directores de cine e escritores, productores, investigardores da historia de Galicia e empresarios que participarán con ponencias e despois terán unha mesa redonda na que poderán participar tódolos asistentes. Desexamos que teñan moito éxito. 

Recibimos a crónica do noso correspondente, Xosé Manuel F. Montes, na capital da Ribeira Sacra, encargado da Sección QUEN CHE PREGUNTOU? que el mesmo estructurou en tres apartados: Bule-bulo, que pasa que pasa na Riberia Sacra e A Fala - Sabedoría popular.

Falamos con MOISÉS QUINTAS e VICTORIA PÉREZ, que tamén felicitamos pola recente publicación do libro "OS XÉNEROS MUSICAIS TRADICIONAIS E POPULARES GALEGOS". Xa van pola segunda edición. Coméntannos cómo foi ese traballo de recollida de músicas, danzas, cantos e moita documentación que ilustra o libro, ao que lle engadiron un CD para poder disfrutar no só da lectura.

Despedímonos ata unha vindeira data. Que sexan felices.

Deixamos aquí o programa completo-enteiro.

jueves, 16 de octubre de 2025

XOVES 16 de OUTUBRO do 2025

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música, para recibir aos primeiros convidados: LUCINDA BARCIA e a súa filla MONTSE ALVARIÑO BARCIA, que son de Toutón (Mondariz). Mantemos con elas unha conversa moi interesante relacionada coa recuperación e rehabilitación da "Levada de Toutón". Esta levada que data de moi antigo, traía a auga de nove quilómetros atrás, e servía para regar os prados e leiras dos veciños. Tamén se empregaba para algúns muiños que se atopan no seu percorrido. Tiñan as súas regras de servicio e mantemento. Tamén nos falaron dos "Seráns de Toutón" (nos que elas tamén participan e teñen moito que dicir). O vindeiro ano cumplirán 30 anos de celebración. Comprometémonos a poñernos en contacto con elas para que os nosos escoitantes e seguidores teñan cumprida información deste evento que se celebra na primeira quincena do mes de febreiro. Agradecémoslle a súa amable atención.

Falamos con PAZ BLANCO, que rexenta un establecemento co título: HACIENDO EL GALGO. É unha diseñadora de roupa e vestimenta para mascotas caninas. Falamos con ela sobre a próxima celebración dun "Desfile de mascotas" que se fará esta próxima fin de semana no Hotel Literario Bela Fisterra. Agradecémoslle a súa participación no noso programa e desexamos que teñan moito éxito.

Escoitamos outro bocadiño de música e poñémonos en contacto con ÁNXELA GRACIÁN, escritora e poeta que ven de presentar un novo libro: "BENU ZULA E A UNICORNIA BRANCA", editado por Medulia Editorial. Contén 60 ilustracións de Christian Villamide. O título corresponde a unha figura literaria que consiste no emprego das mesmas letras para un título máis identificado: "Nube Azul e a Unicornia Branca". Parabenizámola e fainos unha pequena descrición sobre o contido desta obra ademais de lernos un bocadiño dun texto moi poético. Desexamos que teña moitos éxitos.

Seguimos escoitando música. Nesta ocasión a peza está interpretada por XURXO FERNÁNDES, músico e investigador da música tradicional galega e sefardí, que virá a ofrecernos un Concerto en directo na fin de semana do 24 de outubro, con motivo do Festival "Hospifolk", organizado pola "Casa Galega de Hospitalet". Convídanos a que nos acheguemos a ese evento para disfrutar e bailar, xa que el mesmo nos indica que a música que el interpreta é para bailar. Tamén nos fala dun próximo traballo discográfico que próximamente dará a coñecer e prométenos que nos avisará para dalo a coñecer. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que teña moitos éxitos.

Aínda temos tempo para falar con MANUEL FOTEIRO A FONSAGRADA, grande amigo e seguidor do noso programa, a quen tamén felicitamos polo artigo-traballo publicado na Voz de Galicia, para dar a coñecer unha señora do rural, Balbina Eiros. Ten unha idade bastante avanzada, noventa e tres anos, e está moi orgullosa de vivir nunha aldea dos arredores de A Fonsagrada. Unha fermosa comunicación e unha posta en valor do traballo que facían esas mulleres do rural, tan abnegadas e entregadas aos labores do campo, costureiras e tecedeiras. Agradecémoslle a súa comunicación e amable atención con nosoutros.

Despedímonos con música. ¡Que teñan unha feliz semana! Deixamos aquí o programa completo.



músico e investigador da música tradicional galega e sefardí.

jueves, 9 de octubre de 2025

XOVES 9 de OUTUBRO do 2025

Outra emisión máis do noso "Galegos no BAIX". Comezamos coa sintonía de sempre, as salutacións oportunas e un bocadiño de música para darlle paso á primeira convidada desta tarde, CRUZ LÓPEZ, de "Embutidos Lalinense". Parabenizámola por ter recibido o "Bacelo de Prata" o sábado pasado. Un premio moi merecido. Mantemos unha conversa moi interesante na que podemos dar a coñecer moitos dos produtos que elaboran e que se poden mercar directamente na tenda online. Son moitas as suxerencias que se nos ofrecen para poder disfrutar dos manxares que teñen, pero moi especialmente un que destaca entre outros: "Kits anti-morriña", algo moi solicitado neste tempo de outono, que moito apetece. Desexamos que sigan colleitando moitos éxitos e despedímonos con música.


A segunda intervención é con don XOSÉ ANTONIO MEIXIDE FERNÁNDEZ (Tonecho), outro dos agasallados co Premio "Bacelo de Prata" pola súa "Adegas Bordel", ubicada no municipio de Abegondo. Parabenizámolo e tamén mantemos unha conversa moi amena, na que nos pon ao corrente desta explotación vinícola que está a ter moito éxito, e destaca moi especialmente o cultivo dunha especie de uvas case extinguida, pero que actualmente está a ter moita aceptación, o branco lexítimo. As súas ofertas son o bordelar tinto, bordelar branco e o xeixedo. Agradecémoslle a atención que nos concedeu e desexámoslle moito éxito.

Comezamos a segunda hora con música do gaiteiro OSCAR IBÁÑEZ, a quen de parabenizamos pola xira extraordinaria que tivo, xunto coa súa "Tribo". Interesámonos pola próxima celebración de o "VI O Son da Gaita", previsto para o vindeiro domingo día 26 no Pazo Besada - Poio (Pontevedra). Vai a ser un acontecemento cheo de interpretacións musicais con grandes intérpretes. Tamén contarán coa presencia de Lutiers que exporán algúns dos intrumentos que elaboran. Coméntanos cada unha das propostas previstas e convida a tódolos nosos escoitantes para que se acheguen a disfrutar deste grande evento.


A continuación falamos co noso colaborador e amigo KIKE DE NAVIA, a quen felicitamos pola súa participación no evento que titularon: "Chegaron de lonxe: a poboación inmigrante no San Froilán”, que se celebrou no Vello Cárcere de Lugo. Coméntanos, un pouquiño, cómo se fixo ese acto entrañable no que tivo unha intervención moi sinalada, relatando a súa aportación e experiencia no tempo que estivo en Cataluña. Tamén nos comenta outras cousas relacionadas co grande Portela Valladares. Agradecémoslle a súa participación de hoxe no programa.


E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Deixamos aquí o programa completo.

jueves, 2 de octubre de 2025

XOVES 2 de OUTUBRO do 2025

Unha nova emisión deste noso programa "Galegos no BAIX", que comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e saúdos, xunto cunha especial felicitación a unha parexa de amigos fieis seguidores, Manoli Ferreira e Juan Asensio, que celebran o seu cincuenta aniversario de bodas e parabenizámolos cunha peza das Malvela, que desexamos sexa do seu agrado: Sete Saias. Precisamente esa peza sérvenos para recibir ao primeiro convidado de hoxe, JOSÉ ANTONIO LIÑARES, Presidente da "Asociación Galega das Castañas e dos Soutos". Tamén aproveitamos a ocasión para felicitalos pola recente celebración que organizaron e que tivo lugar a semana pasada no Auditorio Municipal de Escairón. Tamén nos comenta o próximo evento: O IV Foro da Castaña en Riós. Agradecémolle a súa participación e desexámoslles que teñan moitos éxitos.


O segundo convidado é PEPE FORMOSO, do Hotel Literario Bela Fisterra, a quen parabenizamos plo recente Premio que foi a recoller a Mallorca. Tamén nos fala do evento que tivo lugar a semana pasada no Hotel antes mencionado: a celebración do 75 Aniversario da Editorial Galaxia, que contou cunha morea de personaxes de grande renome e ao que se xuntou a participación musical do Grupo Os Sib do Solpor. Mantivemos unha conversa chea de información e novidades interesantes, así como novidades próximas a celebrar. Agradecemos a súa participación e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.


A seguinte colaboración é a do noso correspondente na capital da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos) Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU, que como ben sendo habitual segue a repartila en varias sub-seccións nas que propón asuntos moi interesantes, comezando coas noticias e rematando coa colaboración dun personaxe famoso, que neste caso é nada menos que Avelino González.

Finalizamos a emisión cunha entrevista con FERNANDO MOSQUERA. Infórmanos do seu último traballo, Atlantic Connections, cuxa música escoitamos de fondo, así como dos seus anteriores CD, producidos e realizados por el mesmo no seu estudio. Música celta na que conta con colaboracións de grandes intérpretes e fermosas composicións. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle moitos éxitos.

Despedímonos coa música de Fernando Mosquera ata o vindeiro xoves á mesma hora. Deixamos aquí o programa completo.