jueves, 1 de octubre de 2015

01 de OUTUBRO do 2015

Unha emisión máis deste noso programiña en lingua galega, tentando que pane dúas horiñas de ameno entretemento. A proposta de hoxe será, coma case sempre: Entrevistas, música galega e algo de humor.
Comezamos conectando con Galicia para fallamos con dona CARME, da Vivenda Rural XANELA DA LÚA, en LIRA, que nos fala das súas propostas do "9º Outono Gastronómico de Turismo Rural en Galicia", no que ela participa e que ten unhas ofertas de estancia e degustación de menús moi interesantes. Agradecémoslle a súa aportación e colaboración con nosoutros e desexámoslle moitos éxitos.


A segunda convidada - entrevistada é MARÍA DO CEO, que nos recibe con moito agarimo. Agradecémoslle a súa amable atención, mentres escoitamos algunha das súas interpretacións musicais, e falamos con ela de moitas cousas interesantes, tanto da súa biografía e discografía, como dalgunhas noticias. Seguro que non será a ultima vez que conectemos con ela, para que nos informe dos seus éxitos e actuacións.


Na seguinte hora, como cada semana, conectamos con XOSÉ MANUEL F. MONTES, o noso correspondente na Ribeira Sacra, que nos fai unha reportaxe moi interesante no seu apartado QUEN CHE PREGUNTOU?


E para finalizar o programa de hoxe falamos con don LUIS FRANCISCO LOPEZ GONZÁLEZ, Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade en Prehistoria. A conversa xira entorno á posta en valor dunha Sauna nun Castro de A Fonsagrada (Castro de CASTELÓN de CASTAÑOSO), despois da "descuberta" e excavación feita este verán.


A vindeira semana máis.
¡Graciñas por seguirnos!

jueves, 24 de septiembre de 2015

24 de setembro

Día da MERCÊ
¡Felicitacións a tódalas Mercedes!

Unha nova emisión de radio en galego. E encetamos conectando con ABEL HORTA, o noso encargado do deporte galego, que nos pon ao corrente dos éxitos acadados nesta semana, poñendo especial interese no de JAVIER GÓMEZ NOYA, que ven de acadar o seu 5º título MUNDIAL de TRIATLÓN. Despois fálanos do CELTA, que gañou as dúas ultimas xornadas de liga, co Sevilla e co Barcelona; tamén nos comenta cousas do CORUÑA e do C.Deportivo LUGO. E para terminar fainos unha pequena sección de baloncesto, para ternos ao día deste deporte en Galicia.


A primeira entrevista deste serán é con MERCHI  ALVAREZ FERNANDEZ, Presidenta de AME-Galicia (tamén en facebook: Galiciame). En primeiro lugar infórmanos do que significa ter AME (unha enfermidade neurodexenerativa, pouco coñecida), porque ela mesma a padece. Tamén nos dí cómo podemos participar con eles e cómo se pode sensibilizar á sociedade con este problema. Agradecémoslle a súa aportación e colaboración neste noso programa. Tamén lle enviamos un saúdo moi cordial e agarimoso a RICARDO, que intervíu, en directo, para felicitar a Merchi polo seu traballo e comprometémonos facer os posibles por manter unha comunicación máis asídua con ela para ter informados aos nosos oíntes e seguidores.


Na segunda hora falamos co noso correspondente na Ribeira Sacra: Xosé Manuel F.Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU?, que nesta ocasión ponnos en comunicación cun adegueiro ecolóxico MANUEL, que tamén está a vendimar nas ladeiras de DOADE. Prométenos enviar a súa colaboración fotográfica ao longo do día de hoxe.


A ultima entrevista desta emsión é con don. XOSÉ MANUEL RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Presidente da D.O.RIBEIRA SACRA, que ademais é dono da Adega Décima. A conversa discorre arredor da colleita deste ano, así como das diveresas posibilidades e outras actividades das que se pode disfrutar cando nos achegamos a ese lugar tan feiticeiro. Agradecémoslle a súa atención e tomamos nota para poder voltar a comunicarnos cando teñan algunha novidade que ofrecernos.


A vindeira semana agardámosvos outra vez. Non deixedes de sintonizarnos.

viernes, 18 de septiembre de 2015

Primeira emisión da nova tempada 2015-16: 17 de SETEMBRO

¡¡¡BEN - VIDOS !!! a tódolos nosos oíntes e seguidores. 
Comezamos, o mesmo equipo da tempada anterior, con máis azos e con moitas ganas de poder compracervos a tod@s, nas vosas suxerencias e nas vosas aportacións.
A primeira conexión é con ABEL HORTA, encargado do DEPORTE GALEGO, que nos pon ao corrente das novidades escollidas por el, para o noso programa: En primeiro lugar fálanos do Futbol e deseguida nos fai un pequeno percorrido por outros deportes de importancia na comunidade galega, como son o Baloncesto, ou o TRIATLON.


Despois de escoitar un chisco de música galega, conectamos con don FERNANDO FERNANDEZ REGO, autor do libro "Andrés Dobarro - SAUDADE", unha biografía dese cantautor galego tan emblemático e que, como o noso interlocutor nos di, moi pouco coñecido con precisión. Agradecémoslle a súa amable atención e prometémonos voltar a falarnos.


Na segunda hora temos unha novidade que nos presenta noso colaborador e correspondente XOSE MANUEL F.MONTES, que leva adiante a sección QUEN CHE PREGUNTOU?. Acaba de inaugurar unha páxina en facebook co mesmo título do noso programa: Galegos no Baix, para que poidan participar tódolos nosos oíntes e seguidores. As súas informacións e noticias escollidas sempre son unha fiestra de humor e retranca galega.


Para finalizar o programa poñémonos en contacto con don JUAN PEDRO SÁNCHEZ, Presidente de ASOBECAT, que nos informa da XI Romería dos Bercianos en Polinyà, para o vindeiro día 26 deste mesmo mes de setembro. Fainos un convite especial para que poidamos asistir a esa Romaría tan emblemática para os Bercianos dedicada a la Virgen de la Encina. Unha celebración moi especial na que se poderán degustar tódolos productos bercianos e participar na mostra de xogos populares.


Despedímonos ate o vindeiro xoves, informándolles que esta emisión poderán escoitala "enlatada" o domingo de 15 á 17horas.

jueves, 2 de julio de 2015

Ultimo programa da tempada: 25 de XUÑO do 2015

Nesta ocasión, como cada semana falamos co noso correspondente do "Deporte Galego" ABEL HORTA, que nos fai un pequeno repaso das ultimas informacións deportivas e ademais de desexarlles unhas felices vacacións a todos, tamén nos adianta un chisco as posibles "melloras" e incorporacións que pretende facer na vindeira tempada.


Depois falamos con EVA, Lectora de Galego na Universidade de Barcelona coa que mantemos unha conversa moi amena e chea de informacións moi interesantes relacionadas coa Universidade e doutra índole. Desexámoslle moitos éxitos na súa tarefa, e prometémonos voltar a comunicarnos con ela para que nos teña informados.


Tamén aproveitamos para conectar con XOSÉ MANUEL F.MONTES, o noso correspondente na Ribeira Sacra, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que ten preparadas varias informacións escollidas e despídese desexándonos o mellor para todos este verán, e que si visitamos Galicia non deixemos de pasar pola súa zona para disfrutarla e, se pode ser, acompañados da súa presencia.


Para finalizar, e denantes de despedirnos de tódolos nosos oíntes e seguidores, aínda temos tempo para comentar a "actuación" de ARMANDO na FESTA GALEGA en Badalona, coa A.C.G.AGARIMOS, e aproveitamos unha peza musical galega para despedirnos de todos vosoutros, desexando que sigan sintonizándonos e que volvamos a reencontrarnos a vindeira tempada. Tódalas suxerencias e comentarios que desexen facernos serán sempre ben recibidos.


¡Que teñan unhas felices vacacións!!!

sábado, 20 de junio de 2015

XOVES 18 de XUÑO do 2015

Outra semaniña máis con todos vosoutros para tentar levar adiante este programa de dúas horas en galego, con conversas, entrevistas e música galega. Encetamos coa conexión semanal relacionada co deporte galego, da que se encarga o noso correspondente ABEL HORTAS, e que nos detalla as novidades deportivas galegas oportunas.


A primeira entrevista-conversa é co Sr. RAMIRO, propietario da "VIVENDA RURAL O VERXEL" en Ribas do SIL, que nos da a coñecer unha zona privilexiada da Ribeira Sacra e que nos convida a que aproveitemos a oferta de aloxamento que alí teñen, non só polo acollemento que hai senón tamén polas posibilidades de lecer, descanso e rutas de sendeirismo que por alí existen.


Depois falamos con don MIGUEL ANXO VISO, Presidente da D.O.RIBEIRO, a quen felicitamos polos éxitos que estan acadando, tanto os viños galegos desa denominación, como a súa xestión nese Consello Regulador que el preside. Agradecémoslle a súa amable atención e comprometémonos a seguir comunicándonos con el para que nos informe das noticias e acontecementos que se vaian sucedendo a carón do seu entorno.


Por último, a nosa conversa-entrevista é con Paco Veiga, docente e dinamizador cultural no IES de Melide, que ven de recibir o Premio "Terra de Melide á defensa da língua". Unha conversa moi engaiolante arredor das cousas interesantes relacionadas coa nosa cultura e outras actividades que el mesmo preside. Agradecémoslle a súa amable atención e seguro que voltaremos a incomodalo para que nos faga coñecedores doutros proxectos e actividades interesantes que están a levar a cabo.


A vindeira semana voltaremos, e seguro que lles ofreceremos algunha novidade interesante, xa que coincide co final da tempada, así que estade atentos e agardámosvos a todos.

11 de XUÑO do 2015

Unha semaniña máis comeza o programa coa conexión con ABEL HORTA, o noso correspondente do DEPORTE GALEGO, que nos fai un pequeno percorrido polas diferentes fases deportivas relacionadas coa nosa comunidade galega.


A primeira entrevista é con EDUARD VELASCO, que ven de publicar un libro de poesía e que xa leva máis de tres presentación oficias, tanto en Galicia como en Catalunya. Foi agasallado con Premio de Poesía PÉREZ PARALLÉ, do Concello de FENE, pola súa obra "Ruído de TRENS".


Na segunda hora comunicámonos co noso correspondente na RIBEIRA SACRA, Xosé M.F.Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e que sempre escolle noticias relacionadas con Galicia, moi á súa maneira.


A seguinte conversa-entrevista é con ALEXANDRA SEARA, Xerente do Consorcio de Turismo da "Ribeira Sacra", que nos ofrece unha visión moi interesante sobre as funcións e traballos que leva a cabo ese Consorcio e especifícanos, un chisco, o seu labor esta función de Xerente. Agradecémoslle a súa aportación e despedímonos ate a vindeira semana, coma sempre, con música da nosa.

viernes, 5 de junio de 2015

XOVES 4 de XUÑO do 2015

O programa de hoxe encetámolo coa conexión de ABEL HORTA, o noso correspondente do Deporte Galego, que nos fia un percorrido polas distintas categorías do fútbol galego e tamén algunha referencia sobre o baloncesto. Agradecémoslle a súa aportación e convocámonos para a vindeira semana.


A segunda conversa é con don EMILIO RODRÍGUEZ, das Adegas don BERNARDINO, da Ribeira Sacra, e máis concretamente de SOBER, que tamén rexenta o Restaurante "O GRELO" en Monforte de Lemos. Unha entrevista moi interesante que nos pon ao corrente dos productos que elaboran e convídanos a que vaiamos a visitalos. No verán próximo tentaremos achegarnos a aquelas terras para saudalos persoalmente.


Na segunda hora conectamos, como cada semana, co noso correspondente XOSÉ M.F.MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? quen, ademáis de noticias, sempre ten preparadas algunhas sorpresas interesantes e moi paveras.


No final do programa falamos con CARMEN, da Vivenda Rural XANELA DA LUA, que sempre nos atende con moita amabilidade e descríbenos as ofertas e posibilidades de disfrutar dunha estancia chea de engado, e tamén nos convida a que pasemos por LIRA, para disfrutarmos do seu entorno.


A vindeira semana máis. Sigan sintonizándonos.

jueves, 28 de mayo de 2015

Xoves 28 de MAIO do 2015

Unha semaniña máis con vosoutros, tentantdo levar adiante este programa en lingua galega, con novidades, entrevistas e música galega.
A primeira comunicación é co noso correspondente encargado do deporte galego: ABEL HORTA, que nos ten preparadas unha serie de informacións relacionadas co deporte galego e moi en particular co futbol, tanto en Primeira como en Segunda división. Tamén ten algunha cosas sobre o fútbol feminino e algo relacionado co baloncesto de alta competición.


Despois conectamos con Galicia, para entrevistar a dona SARA INES VEGA NUÑEZ, Alcaldesa de Castro Caldelas (Ourense) coa que mantemos unha conversa moi esclarecedora sobre as súas propostas para rexer a alcaldía do Castro. Agradecémoslle a súa aportación e comprometémonos a voltar a chamala para que nos siga falando de Castro Caldelas e de todo o que alí podemos disfrutar.


Na segunda hora conectamos coa Ribeira Sacra, concretamente con San Clodio de Ribas de Sil, para falarmos con ROBERTO Castro, Tenente Alcalde desa localidade, que nos informa da "Festa da CEREIXA e do ACEITE", que teñen previsto realizar esta vindeira fin de semana.


Os últimos minutos falamos con DANIEL SALGADO, Director, Profesor e Actor de "GANAS DE OUVEAR", que nos fala desta grande producción Teatral que se estivo representando no SALON TEATRO de Santiago de Compostela, despois de estrearse no Teatre Nacional de Catalunya. Agradecémoslle a súa desinteresada colaboración co noso programa.


A vindeira semana máis.

jueves, 21 de mayo de 2015

XOVES 21 de MAIO do 2015

Outra vez comezamos o programa recebido as ultimas noticias relacionadas co deporte galego, da man do noso correspondente ABEL HORTA, que nos informa das diferentes novidades relacionadas con varias disciplinas deportivas que el mesmo escolle.


A primeira chamada a Galicia é para falarmos con don ANTONIO REIGOSA CARREIRA, escritor, conferenciante e investigador da mitoloxía popular e da literatura galega de tradición oral. A entrevista énchenos de saber e informacións moi interesantes, que le agradecemos e comprometémonos voltar a conversar con el en vindeiras datas.


Na segunda hora conectamos, unha semana máis, co noso correspondente na Ribeira Sacra, XOSÉ M.F. MONTES, que se encarga da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e que escolle as informacións e novidades galegas máis retranqueiras posibles, así como certas curiosidades interesantes.

A ultima entrevista deste serán é con dona CARMEN ALVAREZ ALVAREZ. Primeiro falamos co noso amigo e colaborador MANUEL RODRÍGUEZ JULIÁN, que nos informa da "FESTA GALEGA de CAN MERCADER", prevista realizar para os día 5, 6 e 7 de XUÑO próximos. Despois preséntanos á dona CARMEN, que nos fala das súas propuestas para poñer en práctica e levar adiante no Concello de "Folgoso do Caurel". Agradecémoslles as súas aportacións e colaboracións.


A videira semana tentaremos facelo, cando menos, igoalciño ca hoxe. Sintonizádenos!!!

15 de MAIO do 2015

Unha semana máis co noso programiña "Galegos no BAIX", en língua galega, para tódolos nosos oíntes e seguidores, con novidades, música e entrevistas que desexamos sexan do voso interese. Esta vez comezamos, como ven sendo habitual últimamente, coa intervención do noso correspondente do Deporte Galego : ABEL HORTA, que nos pon ao corrente das novidades  deportivas galegas, escollidas por el.


A segunda intervención é con don ALFONSO PATO, Director do Festival Internacional de CANS (Porriño-Pontevedra) co que mantemos unha conversa-entrevista para recibirmos máis información sobre ese Grande Festival que xa cumple 12 (doce) anos e que últimamente está a acadar unha morena de éxitos.


Na segunda hora, coma sempre, conectamos coa capital da Ribeira SACRA (Monforte de Lemos) para recibir as informacións-noticias que escolle o noso correspondente XOSÉ M.F.MONTES, e que sempre teñen algunha que outra frase ou comentario retranqueiro cheo de "bon rollo".


Para o final deixamos a comunicación-entrevista con don ANTONIO SIMOES, o "Mellor Cociñeiro XOVEN e Emprendedor do 2014 en Catalunya", e que é o CHEF de "LA TABERNA DEL CLINIC", que ven de recibir precisamente este galardón fai unhas poucas datas, concretamente o día 4 de MAIO no Palacete Albéniz de Barcelona. Felicitámolo por ter acadado ese premio e desexámoslle que siga conseguindo moitos máis premios. Agradecémoslle a súa aportación e amable atención.


A videira semana máis.

viernes, 8 de mayo de 2015

xoves 7 de maio do 2015

Comezamos o programa conectando con ABEL HORTA, que se encarga das novidades deportivas galegas e ponnos ao corrente da situación dos equipos de Primeira e Segunda división. Tamén nos  apunta algo sobre balonmano, xa que o Teucro de Pontevedra é noticia por ter subido de categoría.


Entrevistamos a FRANCISCO NARLA, comandante de aviación e escritor, con quen comentamos a súa traxectoria escritora, pero centrámonos na súa novela CAJA NEGRA, xa que está a ter unha demanda e repercusión importante por mor da coincidencia co accidente de aviación sucedido nos Alpes franceses. Agradecémoslle a súa amable atención e propoñémonos voltar a falar con el, en vindeiras datas.


Na segunda hora non podemos conectar co noso correspondente Xosé Manuel F.Montes, pero sí conversamos con BEATRIZ VILA FREIRE, Responsable da Asociación de Empresarios Hostaleiros e Turismo na Ribeira Sacra. Coméntanos varias das actuacións e novidades que están a acontecer en Monforte e arredores.


A ultima entrevista-conversa é con don MANUEL MANDIANES CASTRO, Antropólogo, Etnógrafo, doutor en Ciencias Sociais e Teoloxía e Escritor, que ven de publicar -na Editorial Sotelo Blanco- VIAXE SEN RETORNO, do que falamos con el. A verdade é que a conversa fáisenos cativa, xa que hai argumento para rato. Confírmanos que o día 22 deste mes presentarase no Centro Galego de Barcelona e o día 23 no Centro de Tarragona. Desexámollle motos éxitos e combinamos voltar a falarnos.


A vindeira semana ofrecerémoslles outra emisión chea de interese. Sintonícennos!!!

jueves, 30 de abril de 2015

xoves 30 de ABRIL do 2015

Outro programiña máis en galego. Comezamos co relatorio que nos fai o noso encargado do Deporte Galego: ABEL HORTAS, que nos pon ao corrente do que aconteceu nos encontros de 1ª División de Fútbol, así como o C.F.D.Lugo, que xoga en 2ªDivisión.


A segunda comunicación é con BEGOÑA RIOBÓO, que nos fala do seu segundo CD: QUIRAL, que acaba de presentar e que xa se pode mercar. A conversa, moi amena e chea de informacións fainos disfrutar xa que ademáis imos escoitando algún que outro tema do seu CD. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle moitos éxitos.


Na segunda hora conectamos coa Capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, dende onde nos fala o noso correspondente XOSÉ M. F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e que sempre ten varias informacións interesantes, que as remata cunha serie de intervencións cheas de certa retranca galega, moi axeitada.


A ultima conversa-entrevista é con ELENA FERRO, ZOQUEIRA de terceira xeración; unha artesana galega de primeira orde, dona da marca "EFERRO", que comercializa as súas propias creacións modernas e cheas de tradición e encanto moi actuales e de pasarela. Agradecémoslle a súa atención e prometemos voltar a falar con ela para que nos poña ao corrente das novidades que vaia realizando no seu taller. Tamén nos adiante, en primicia para tódolos nosos oíntes e seguidores, que o vindeiro mes de SETEMBRO, realizará unha Festa para celebrar os "100 ANOS de Existencia" dese taller de construcción de zocos, marroquinería e outros complementos.


Lembren que este programa poden escoitalo novamente os domingos de 13 a 15 horas, na súa re-emisión semanal.

23 ABRIL do 2015

Como cada semana comeza o programa dándolle a "Ben-vinda" a tódolos nosos oíntes e seguidores e presentando o equipo que leva adiante a emisión de hoxe. Dámoslle os nosos enderezos e conectamos co noso correspondente deportivo: ABEL HORTAS, que nos comenta o máis interesante relacionado co futbol de 1ª división (Deportivo de A Coruña e Celta de Vigo), e outros comentarios referentes ao F.C.D. Lugo, que milita na 2ª división.


Conectamos con Galicia para falarmos con XOSÉ MANUEL MÍGUEZ, que acaba de recoller o Premio ao mellor cortador de xamón. Felicitámolo e prometémonos voltar a charlar con el en vindeiras ocasións.


Na segunda hora, como ven sendo habitual, falamos co correspondente en MONFORTE de LEMOS, XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e que sempre ten preparadas unha selección de noticias interesantes para todos, adubiadas cun chisco de humor.

O ultimo apartado dedicámolo a comentar asuntos do programa entre nosoutros dous. Como eu non me topaba nos estudios tivémo-la ocasión de "darlle varias voltas" ás diversas intervencións do programa de hoxe.


A vindeira semana máis.