jueves, 12 de enero de 2017

XOVES 12 de xaneiro do 2017

Primeira emisión deste ano:
Comezamos escoitando unha panxoliña, para relembrar que acabamos de pasar as Festas de Reis, e deseguida conectamos con JUAN PEDRO SÁNCHEZ, o Presidente de ASOBECAT, que nos convida a sistir á Rolda de Prensa que realizarán a vindeira fin de semana, ás 18 horas,  no Hotel FRONT AIR, de Sant Boi, para presentar o "XIV Festival do BOTILLO en Catalunya". A realización do Festival terá lugar o día 11 de febreiro nese mesmo Hotel, Un evento de grande relevancia no que se agasallará ao Concello de Cacabelos, ás Adegas Godelia e como Berciano do ano a don MANOEL CARRETE, actualmente Presidente do Centro Galego de Barcelona. Agradecémoslle a súa participación no noso programa e desexámoslle moitos éxitos.

A segunda intervención é con don Xosé Antonio Ferreiro Palacios, responsable da explotación gandeira "Finca Villadangos", que se dedica a criar máis dun cento de vacas da raza autóctona "Rubia Galega" e que ten acadado unha morea de Premios en moitos e diferentes Concursos e Certames nos que participa, cos exemplados criados na súa explotación gandeira. Agradecémoslle a súa amable atención e desexamos que siga colleitando tantos éxitos.

Na segunda hora, como vimos facendo cada semana, temos a comunicación do noso correspondente Xosé Manuel, en Monforte de Lemos, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU?, que nos fai un percorrido moi interesante sobre as noticias que el mesmo escolle. Acompáñanos a súa creación artística relacionada coa emisión de hoxe, e que compartimos con todos vostedes neste blog.

A ultima Conversa-Entrevista é con don XIL RIOS, unha figura importantísima no eido da música galega, que nos fai moi interesante e entretida a conversa coas anécdotas que nos conta, relacionadas coa súa vida profesional. En vindeiros programas voltaremos a conectar con el, para que nos siga dando noticias das moitas vivencias que tivo, que seguro serán de interese para tódolos nosos oíntes e seguidores. Para completar estas conversas agradeceríamos a participación e propostas de preguntas aos nosos entrevistados. Sempre serán moi ben recibidas as suxerencias dos nosos oíntes e seguidores.

Lembrámoslles que os domingos volven a reemitir este noso programa. Non deixen de sintonizarnos. Voltaremos o vindeiro xoves con máis música, entrevistas, noticias e moitas cousas máis.

jueves, 29 de diciembre de 2016

29 de decembro do 2016

¡¡¡ FELIZ DESPEDIDA DE ANO E VENTUREIRO ANINOVO 2017 !!!

Que disfrutedes dunha fermosa despedida de ano vello 2016, e unha venturosa entrada de aninovo 2017, cheo de engado, benestar e brindando a carón dos vosos. 

jueves, 22 de diciembre de 2016

XOVES 22 de DECEMBRO do 2016

Último programa do ano. Comezamos dándolle a benvida a tódolos nosos oíntes e seguidores. Conectamos con JUAN PEDRO, Presidente de ASOBECAT, que aproveita para felicitarnos a todos e adiantarnos que no vindeiro mes de xaneiro teremos a exclusiva da presentación do Festival do Botillo da Asociación de Bercianos de Catalunya. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe. Deseguida conectamos con Galicia para falar directamente co ARMANDO FERNÁNDEZ, que dende o seu LIÑARES de Queizán, mándanos as súas felicitacións nadalencas e ventureiro aninovo para todos.



Despois falamos con OLIVER, Presidente da A.C.G.Rosalía de Castro, que ademais de felicitarnos tamén nos convida a participar nas celebracións que teñen previstas para o vindeiro fin de ano, así como tamén nos envío os mellores desexos de benestar para estas Festas do Nadal e un próspero aninovo.
Tamén conectamos co noso amigo e colaborador XOSÉ LAMELA, que ademais de feleictarnos coméntanos algunha que outra das súas inquedanzas e que promete sorprendernos con algunha publicación intereseante, producto das investigacións que segue a realizar, no entorno da Baixa Limia. Tamén nos informa da inauguración dun edificio adicado á mostra e exposición de productos da zona Xurés-Gerés, en Bande. Agradecémoslle a súa amable atención.



Na segunda hora, coma sempre, conectamos co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, que nos ten preparadas unha serie de noticias moi interesantes, Xosé Mannuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? E termina a súa intervención coas súas frases cheas de retranca, moi relacionadas coa actualidade. Tamén nos envía a súa creación artística, relacionada coa actualidade e que colocamos aquí.



A ultima conversa-entrevista é co noso amigo e colaborador RICARD ROS, do Grupo COET e RIU, que nos fai unha pequena valoración do Festival-Concerto que se realizou a pasada fin de semana en memoria do noso malogrado DAMIÀ, e que aproveitaron para recoller xoguetes para esa campaña de "ningún neno sen xoguete". Un acto moi entrañable, cheo de emocións e con moitísima participación. Felicitámolo e desexámoslle o mellor para o vindeiro aninovo 2017.

E despedímonos de tódolos nosos oíntes e seguidores, propoñéndolles escoitar outra panxoliña e desexando que pasen unhas FELICES FESTAS!!! e que o aninovo 2017 veña cheo de BENESTAR para TOD@S.

viernes, 16 de diciembre de 2016

XOVES 12 de decembro do 2016

Comezamos o programa escoitando unha peza do cantautor FRAN ALLO, e que aproveitamos para dirixirnos a Galicia e falar con MODESTO FRAGA, que nos recibe moi amablemente para falarmos do seu recente Premio de Poesía que acadou no "XXX Ceertame de Poesía Rosalía da Castro" de Cornellà, Falamos da súa traxectoria creativa e agradecémoslle a súa participación e atención no noso programa.

A segunda conversa-entrevista é co SR. ALBERTO, da ADEGA DANIEL FERNÁNDEZ, na Denominación de Orixe "Monterrei", en Verín. A pesar de ser unha empresa de recente creación (comezaron no 2015) xa teñen no seu currículum varios Premios entregados aos seus viños. Felicitámolos e desexámoslle que sigan tendo tantos éxitos.

Ven agora a sección do noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, QUE CHE PREGUNTOU? que sempre ten un ingredente de retranca interesantísima e tamén recolle noticias de certa relevancia no ambente galego. Acaba a súa aportación coas súas frases de "O galego éche así"... ademais de mandarnos a súa aprotación creativa en forma de viñeta, relacionada coa emisión de hoxe.


Falamos agora con ROSA CEDRÓN, esa grande cantautora galega que nos encandila coa súa voz e que tanto admiramos. Falamos do seu ultimo traballo "Nada que perder", da súa participación na "IIª Gala-Xantar de GALICIAME", coméntanos varios aspectos da súa traxectoria musical e proxectos a realizar. Agradecémoslle a súa amable atención e prometémonos voltar a falar con ela.


A vindeira semana máis, e, se podemos, mellor. Non deixedes de sintonizarnos.

jueves, 15 de diciembre de 2016

1 de DECEMBRO do 2016

Disculpamos a ausencia do Xulio Couxil, na emisión de hoxe, por certas obrigas persoais, pero despois das salutacións a tódolos nosos oíntes e seguidores comezamos coa escoita dunha peza musical galega para darlle paso á entrevista con MIRIAM FERRADANS, poetisa recén gañadora do 2º Premio do XXX Certame de Poesía Rosalía da Castro de Cornellà.


A segunda intervención é a conversa con XABIER MOURE, un arqueólogo galego que nos fai un percorrido interesantísmo sobre as súas investigacións e traballos.

Na segunda hora o noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? fai un percorrido polas noticias e informacións que el mesmo escolle para todos nosoutros e termina coa súa recolleita de frases feitas sobre "o galego é así". Acompáñanos, coma sempre, o seu debuxo e creación artística semanal, alusiva aos contidos do programa.


A entrevista final é con XABIER F. ROUCO FERREIRO, recén gañador do 1º Premio do "XXX Certame de Poesía Rosalía de Castro", que nos fala da súa traxectoria creativa. Despedímonos ate o vindeiro programa que será o día 12, posto que as festas que se aproximan non nos permiten a emisión.

jueves, 24 de noviembre de 2016

XOVES 24 de NOVEMBRO do 2016

Hoxe comezamos o programa dándolles a ben-vinda aos nosos colaboradores e amigos ANTONIO DÍAZ e HENRIQUE FERNÁNDEZ, que nos visitan. Despois de escoitar unha peza musical e dos saúdos oportunos, poñemonos en contacto con ADRIÁN MÉNDEZ, un dos compoñentes que se encargan de poñer en marcha a "IIª Foliada de Fonsagrada", prevista para o vindeiro día 10 de decembro próximo. Agradecémoslle as súas informacións e desexámoslles moitos éxitos.


A segunda conversa-entrevista é co SR. BOLAÑO, do Restaurante "Cantábrico" en A Fonsagrada, que nos pon ao corrente das viandas que se poden degustar no seu restaurante, ao que nos convida a tódolos nosos oíntes e seguidores para que pasemos por alí e comprovemos "in situ" o que el nos explica con detalle. 


Na segunda hora comunicámonos co noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Monforte de Lemos, Xosé Manuel F.Montes que se encarga da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e que ademais de propoñer unha pregunta moi axeitada a este tempo de xantares de inverno, tamén nos pon ao corrente de varias e interesantes novidades relacionadas coa nosa comunidade galega, e facer unha mención especial á celebración que se fará mañá no día internacional para a eliminación da violencia de xénero.


Antes da ultima conexión comentamos a celebración do XXX Certame de Poesía "Rosalía de Castro", de Cornellà, que ten unha participación moi abondosa e de moito nivel, segundo a análise que nos fai o noso amigo KIKE, que forma parte do Xurado deste ano. A seguir falamos con Fernando Mosquera, un músico de ascendencia galega, nado en Toledo, onde reside e imparte clases de música e gaita, así como tamén nos informa dos seus ultimos traballos.


A vindeira semana voltaremos con outro programiña máis. Pasade unha feliz semana e non deixedes de sintonizarnos.

jueves, 17 de noviembre de 2016

XOVES 17 de NOVEMBRO do 2016

Comezamos escoitando unha peza musical e conectamos con Galicia para falarmos con KIKE ESTÉVEZ, filólogo e "Regueifeiro" en Vigo, que nos fala da recuperación e posta en valor desa reliquia popular tan fermosa e peculiar.

A segunda intervención é con dona MARIA XOSÉ YRAVEDRA, Directora da Adega RONSEL do SIL, na Ribeira Sacra. Unha conversa-entrevista moi ilustradora. Prometémonos voltar a conectar con ela para que nos siga informando dos seus viños e máis cousas.

Na segunda hora conectamos co noso correspondente en Monforte de Lemos, Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU?, e que sempre ten preparadas varias noticias e informacións interesantes, algunhas delas con retranca. Tamén nos envía a súa aportación ilustrada de cada semana, que aproveitamos para compartir con todos vosoutros.


Temos uns minutiños para manter unha pequena entrevista cun dos nosos mellores escritores galegos do momento: don MANUEL RIVAS, que nos fala das súas inquedanzas, dos seus libros e da recente publicación de dous libros que están no prelo: unha novela titulada O ultimo día de Terranova, e un poemario recente. Agradecémoslle a súa amable atención e despedímonos desexando voltar a conectar con el  para que nos siga ilustrando coa súa creatividade narrativa e poética.


A vindeira semana desexamos que volvan a sintonizarnos.

jueves, 10 de noviembre de 2016

XOVES, 10 de novembro do 2016

Comezamos o programa conectando con LYDIA BOTANA, unha grande cantautora galega, que ven de triunfar en Francia e, de paso por Barcelona, aproveitamos para comentar con ela as súas andanzas musicais e traballos co seu "De Aquí para Alá" e das súas bolboretas de música e mestizaxe. Agradecémoslle a súa amable atención de sexámoslle moitos éxitos.

Adiantamos a nosa comunicación semanal co noso correspondente XOSÉ MANUEL F. MONTES, en Monforte de Lemos, que se encarga da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e fálanos dun acontecemento interesantísimo relacionado con ALBERTE MONTES, o seu irmán MONOLOGUISTA, que hoxe estréase na TVG participando nunha serie que leva por título AUGAS QUENTES. Continúa a súa comunicación con varias noticias curiosas e remata cunha anécdota.

Conectamos con RICARD ROS, responsable do Rubrifolkum, que teñen preparada unha grande actuación para o día 18 de nobembro en "A Masía de Sant Boi", na que participará como conxunto galego combidado Begoña Riobó, Xosé Liz (Xosiño) e Javier Feijoo (Xisco). Aproveita para presentarnos precisamente a Xosé Liz, con quen falamos moi amigablemente. 

A ultima entrevista do hoxe é con CARLOS CORRAL, Gaiteiro, Artesán e investigador de instrumentos tradicionais galegos. Unha conversa moi ilustradora e chea de ensino, moi relacionada coa súa profisión artesán e de Profesorado. Agradecémoslle a súa desinteresada aportación e prometémonos voltar a comunicarnos con el para que nos siga ilustrando.

O vindeiro xoves voltaremos, e desexamos que sigan sintonizándonos. Que pasen unha feliz semana. 

jueves, 3 de noviembre de 2016

XOVES 03 de Novembro do 2016

A emisión de hoxe non poderá contar con Xulio e con Xosé Manuel, o noso correspondente semanal que teñen certas obrigas persoais que cumplir. Comeza dando información das actividades que ten previsto realizar á A.C.G.Rosalía de Castro, de Cornellà e escoitamos unhas peciñas musicais.

Poñémonos en contacto con Andrés - de Arcade (Pontevedra)-, un grande músico percusionista e profresor, co que mantemos unha conversa-entrevista falando da súa traxectoria e do que a percusión representa para el e para a nosa música tradicional galega.

Entrevistamos a dona EUGENIA CASTRO, responsable da Adega "Condes de Albarei", que será a encargada de recibir aos participantes da "2ª Gala - Xantar de Galiciame", na que teñen previsto participar unha morea de artistas galegos.

Voltamos a falar con FRAN ALLO, cantautor galego que está a preparar un segundo CD e que tamén participará na 2ª Gala-Xantar de Galiciame", agradecémoslle a súa amable atención.
Tamén aproveitamos para falar con DANI de "CAURELOR", que tamén aporta o seu grauciño de area a ese grande evento de Galiciame, previsto para o día 3 de decembro en Cambados: a "2ª Gala-Xantar Galiciame". Agradecémoslle a súa aportación desinteresada e desexámoslle moitos éxitos.

A vindeira semana máis. non deixen de sintonizarnos e pasen unha feliz semana. 

jueves, 27 de octubre de 2016

XOVES 27 de ORO do 2016

O programa de hoxe comeza conectando con don UBALDO, responsable do Restaurante "LOS ANCARES", na rúa Robrenyo74.76, de Barcelona, para que nos fale das celebracións mensuais que veñen realizando dende fai 2 anos e coincidindo con grandes eventos gastronómicos adicados, cada mes a un plato especial. O mes pasado foi o BACALHAU, prepardo de diversas maneiras, e o mes de Novembro comeza coa Festa do MAGOSTO-Castañada, cun menú tipo, que acaba cunha degustación de castañadas asadas traídas de Galicia expresamente. Agradecémoslle a súa amable atención e desexámoslle moitos éxitos.

A segunda intervención-conversa é con XABIER VIZCAÍNO, que sempre nos recibe moi amablemente e fálanos do traballo que está a preparar e que seguro sairá ao prelo na primeira quincena de decembro próximo. Agradecémoslle a súa aportación e desexámoslle moitos éxitos.

Tócanos a conexión coa capital da Ribeira SACRA, Monforte, onde nos recibe Xosé Manuel F.Montes, o noso correspondente encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e que sempre ten preparada a súa intervención con noticias e informacións retranqueiras. A viñeta de hoxe vai adicada ao SAMAIN, unha festa moi ancestral e chea meigallo.

A conversa final de hoxe é con dona IRENE SILVA XIRÁLDEZ, unha gran pintora que na os atende moi amablemente e fálanos da súa traxectoria compositora e artística. 

A vindeira semana máis.

XOVES 20 de OUTONO do 2016

Comeza o programa ofrecéndolles unhas pezas musicais de benvida e conectando con JUAN, Presidente da A.C.G. AGARIMOS, de Badalona, e dende Galicia tamén intervén un servidor, para comentar estes minutiños conxuntamente e agradecerlle a súa amable atención a Juan pola súa colaboración e aportación desinteresada coa que sempre nos recibe.

A segunda conversa-entrevista é con OSCAR IBÁÑEZ, grande mestre gaiteiro que nos fala do seu traballo e da súa traxectoria musical tan fructífera.

Na segunda hora, coma sempre, conectamos coa capital da Ribeira Sacra, Monforte, onde nos recibe o noso correspondente XOSÉ M. F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e  que ten preparadas as súas "noticias retranqueiras" cheas de interese, e envíanos a súa creción artística relacionada con algo que fai referencia ao programa de hoxe; neste caso a noticia do empregado que tiña gardadas unha morea de cartas...

A ultima intervención de hoxe é unha entrevista a don MIGUEL SOUTO, responsable da coordinación e desenvolvemento da festa: AS SAN LUCAS  de Mondoñedo, que tanta tradición e antigüidade teñen. Unha grande celebración que nos debulla un chisco.


A vindeira semana máis.

jueves, 13 de octubre de 2016

XOVES 13 de OUTUBRO do 2016

Hoxe non puidemos emitir o programa por avería nos aparellos da sala de controis. Pedímosvos desculpas e prometémonos voltar o vindeiro xoves con máis azos e máis novidades e informacións. ¡Non deixedes de sintonizarnos!

jueves, 6 de octubre de 2016

XOVES 6 de OUTUBRO do 2016

Comezamos o programa de hoxe conectando con Galicia para falar con MERCHI ALVAREZ, Presidenta de GALICIAME, que nos atende moi amablemente e fainos sabedores do que están a preparar para celebrar, o vindeiro día 3 de decembro próximo, a "IIª GALA-XANTAR Benéfico de GALICAME", en Cambados, na que contarán con moitos artistas que desinteresadamente participarán, para recadar diñeiro que irá destinado á investigación desa enfermidade.


A seguinte participación no programa está destinada a falar con don MANUEL VAZQUEZ OSORIO, Presidente do "Centro Galego NÓS", que nos informa da "IIIª Festa do POLBO"que realizarán esta fin de semana en Sabadell. Aproveitamos para que nos comente outras actividades que realizan no Centro.


A segunda hora sempre está reservada para conectar coa capital da Ribeira Sacra e falar co noso correspondente en Monforte, Xosé Manuel F, Montes, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? e que sempre ten preparadas as súas informacións e noticias cheas de interese. E acaba enviándonos a súa participación debuxada.


Finalmente voltamos a Galicia, e entrevistamos a dona BEATRIZ VILA FREIRE, Delegada da Asociación de Hostalería da zona Sur de Lugo, que nos informa das ultimas noticias relacionadas coa promoción turística da zona e doutras actividades das que podemos disfrutar.


A vindeira semana máis. non deixedes de sintonizarnos.