jueves, 16 de mayo de 2024

XOVES 16 de MAIO do 2024

Outro xoves máis, víspera das "Letras Galegas-2024", comezamos a emisión, unha vez máis con todos vosoutros. Despois da sintonía, das salutacións e escoitar un bocadiño de música, poñémonos en contacto con FELIPE LUBIÁN LUBIÁN, Ilmo.Sr. Alcalde de Lubián. Felicitámolo por estar elixido para que se lle conceda o bastón de mando e ser nomeado "Xuíz do Couto Mixto-2024". Mantemos unha conversa moi interesante, chea de informacións diversas e moito ensino, relacionado con varias actividades e eventos nos que participará como ponente, así como tamén outros actos de certa relevancia que nos describe con moita precisión. Desexamnos que siga nesa liña cultural chea de engado, e agradecémoslle a súa amable atención. Seguiremos en contacto.

A segunda participación é a do escritor MANUEL VÁZQUEZ, que ven de publicar a súa novela titulada: "O pracer da chuvia". Felicitámolo e cóntanos cómo foi a creación deste libro, quen lle fixo o prólogo, cómo chegou á publicación na Editorial Medulia. Tamén nos informa da publicación doutro libriño de poemas, e que está a traballar para poder publicar outra novela. Xa leva máis dun ano presentado ese traballo por moitas localidades galegas, e séntese satisfeito e moi contento coa recepción que recibe. Nosoutros ofrecémoslle poder presentalo na Asociación Rosalía de Castro, si se atreve a visitarnos. Desexamos que teña moitos éxitos.

Continuamos a programación poñendonos en contacto con DAVID SIMÓN LORDA, da Asociación "Amigos da República" en Ourense, que teñen previsto a celebración de: "A Raia Seca Solidaria", cunha homenaxe ao guerrilleiro antifascista Alfredo Yáñez, "O Aguirre", e á comunidade de Sernande (Vinhais). Pon en valor os traballos e documentacións que aportan don Dionisio Pereira e dona Lorena Varela, grandes investigadores. Os actos terán lugar na comunidade de Sernande (Portugal) e A Gudiña (Ourense) durante o día 25 de maio vindeiro, dende pola mañá ata ven entrada a noitiña. Desexamos que teñan moito éxito.

A seguinte comunicación-conversa é con MANUEL DO JUANO, un gaiteiro de A Fonsagrada, que tivo moita e grande participación musical en varias Asociacións Galegas, aquí e Cataluña, e que dende que está en San Martín (A Fonsagrada) publicou un libro-CD onde recolle a interpretación de vinteseis pezas musicais "un pedacín do noso patrimonio inmaterial, auténtica cultura oral e musical da Fonsagrada recollida nas páxinas deste libro". Así o describe algún dos seus incondicionais seguidores e admiradores, que nosoutros suscribimos, claro. Agradecémoslle a súa participación no noso programa de hoxe.

Para finalizar damos lectura a un poema de "Luisa Villalta", como unha humilde participación no día das "Letras Galegas-2024": "Pensar é escuro". E despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora, desexando que teñan unha feliz semana. Tamen aproveitamos para publicar a "Viñeta" que nos mandou o noso correspondente na capital da Ribeira Sacra, Xosé Manuel F.Montes, unha fermosa representación de Luisa Villalta, coa que homenaxeamos a celebración desta Festa Anual Galega, e que desexamos que se poida disfrutar tódolos día do ano.

Deixamos aquí o programa enteiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario