jueves, 23 de mayo de 2024

XOVES 23 de MAIO do 2024

Unha semana máis con todos vosoutros. Disculpamos a ausencia do noso compañeiro Armando Fernández, que se atopa un pouco delicado e hoxe tentarei levar adiante o programa coa máxima humildade e atención, tentando que poidan disfrutar dunha emisión agradable. Despois da nosa sintonía de sempre e as salutacións oportunas, escoitamos unha peza de música para recibir ao primeiro convidado: RAFA AGUIAR, de Radio Monforte, con quen mantemos unha conversa moi agradable chea de información e novidades moi interesantes relacionadas coa súa emisión radiofónica moi persoal, de proximidade, rural e chea de contidos. Agradecémoslle a súa colaboración e aportación de hoxe.

A segunda intervención é a do enólogo XURXO AMOEDO, propietario do Furancho "O Tarrastal" en Redondela. Fálanos dese establecemento singular situado na rúa do Tarrastal nº 33 na parroquia de Reboreda en Redondela. Ofrece tres clases de viño plurivarietaison tres variedades escepcionais de colleita propia, Albariño fresco, tinto suave e unha mestura clásica moi gustosa. Tamén nos comenta que ultimamente tamén ofrece un clarete que ten moita demanda. A súa teima é poder establecer unha adega propia. Os pratos de degustación son verdadeiras especialidades familiares adubiadas pola escelente cociñeira Luchi. Abrirán o establecemento este mesmo venres próximo, e poderanse degustar os chourizos da casa fritidos, a empanada de millo con xoubiñas, orella galega fritida con alliño, a tortilla cuadrada e algunha novidade e sorpresa seguro que tamén haberá. Desexámoslle que teña moito éxito.

Continuamos a emisión conectando con DON DIONISIO PEREIRA, Historiador, Investigador e Economista, que nos fala da próxima celebración dunha homenaxe ao guerrilleiro antifascista Alfredo Yáñez "O Aguirre", e á comunidade de Sernande (Vinhais-Portugal) e A Gudiña (Ourense), o vindeiro sábado día 25. Queren manter viva a reflexión sobre a resistencia antifranquista e a solidariedade transfronteiriza naquela zona da "Raia Seca", durante un dos períodos máis oscuros da historia recente da península. Proxectarase o documental: "A menina que via homes encadeados", que recolle testemuñas de perto de trescentos presos políticos que realizaron traballos forzados na construcción do camiño de ferro entre Zamora e Ourense, moi concretamente nos túneles do Padornelo e os campos de concentración de Lubián e Requejo. Agradecémoslle a súa participación.

Recibimos agora a don ALBERTE ANSEDE ESTRAVIZ, Profesor, Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, Presidente da Fundación Manuel María en Outeiro de Rei. Coméntanos as diferentes actividades que están a realizar, presentación de libros, concertos musicais, convocatoria de concursos (o IIIº Concurso Manuel María de composicións musicais), o VII Concurso de videopoemas, o clube de lectura, exposicións, audios, videos... etcétera. Amósanos moi detalladamente a grandísima e extensísima documentación que posúe a Casa-Museo de Manuel María, toda catalogada e que se pode consultar gratuitamente. Libros da biblioteca, cartas escritas por el e cartas recibidas de escritores e grandes personaxes galegos, portugueses e outros. Esta primeira conversa-entrevista coidamos que será o comezo de moitas máis que continuaremos en vindeiras datas para coñecer máis polo miúdo este grande legado de Manuel María. Agradecémoslle a súa amable atención.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. Deixamos aquí o programa completo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario