Despois do descanso da Semana Santa, comezamos unha nova emisión de "Galegos no BAIX" coa nosa sintonía de sempre, dándolles a ben-vinda e ofrecéndolles a peza "Grándola Vila Morena" de Xosé Afonso, para adiantarnos á celebración da Revoluçao do cravos en Portugal, que se celebrará próximamente mañá, día 25. Precisamente esta peza sérvenos para conectarnos con Galicia e recibir á primeira convidada, dona SONSOLES VICENTE SOLLA, Concelleira de Educación, Cultura e Mocidade de TUI. Fainos un percorrido moi atinado da "Festa de San TELMO de Tui-2025". Coméntanos as diferentes actuacións culturais que teñen previstas e que comezaron co pregón a cargo dese grande actor teatral Avelino González. E continúan con moitas más actividades que nos pormenoriza ata o luns días 28 de abril. Agradecémoslle a súa colaboración e aportación no programa de hoxe e desexámoslle que sigan tendo moitos éxitos.
Continuamos escoitando outro bocadiño de música e voltamos outra vez á mesma localidade galega, TUI, para falar, nesta ocasión, coa Concelleira de Comercio e Turismo, dona ANA MARÍA NÚÑEZ ÁLVAREZ. Agradecémoslle a súa amable recepción e aproveitamos para que nos informe dalgunhas actuacións máis da mencionada "Festa de San TELMO-2025", relacionadas co comercio, como a IV Feira do Viño da Raia", que tivo lugar a fin de semana pasada, pero como responsable de Turismo e tamén de Patrimonio e Conxunto Histórico, fainos un pequeno percorrido pola fermosísima Catedral-Fortaleza, chea de encanto así como tamén do conxunto medievalista xudeo e outras importantes xoias que se poden admirar nesta vila Euro-Atlántica que paga a pena visitar. Foi unha honra e un pracer contar coa súa colaboración e desexamos que sigan disfrutando da Festa e con moito éxito.
Despois doutra peza musical recibimos á terceira convidada: BETI REY, da Radio Municipal de Tui. Parabenizámola porque acaba de ser elixida, hai pouco tempo, como responsable comunicadora desa Emisora Municipal. Coméntanos a súa faceta engaiolante de transmisión oral e de proximidade que ten a Radio Municipal, que serve para achegar as novidades e outras informacións de interese local a tódolos escoitantes e receptores. A súa participación e recollida de actos e eventos que se desenrolan na cidade e moitas comunicacións que serven para informar con detalle e prontitude. Tamén nos comenta as moitas intervencións nas tivo que participar e asistir nestas Festas de San Telmo deste ano. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que siga colleitando moitos éxitos nesa tarefa comunicativa.
Escoitamos outro bocadiño de música e como adianto ao seguinte convidado, que por causas alleas non podemos aínda conectar con el, informamos, e damos unhas pequenas pinceladas relacionadas coa Panadería Rabizas, de Betanzos, que é a segunda máis antiga de España. Un forno do século XVI, está rexentado pola terceira xeración duns propietarios que se fixeron cargo del no ano 1940, segundo temos entendido. Seguimos escoitando algo de música mentres non conectamos con Manolo, ao que tiñamos previsto entrevistar.
Recibimos a MANOLO SANTOS, da Panadería Rabizas. Parabenizámolo porque acaba de recibir no Foro Gastronómico de A Coruña un recoñecemento como unha das Panaderías Históricas. Fainos unha pequena descrición desa panadería que serve pan de alta calidade aos seus clientes. Tamén teñen empanadas, croisants, tartas de amendoas e biscoitos de mazá. Non son pastelaría, pero seguen a servir aos seus clientes como unha panadería tradicional e popular. Tamén atenden encargos para cocer outros produtos que lles solicitan, como asados moi específicos. Agradecémoslle a súa amable atención e voltamos a felicitalo e desexarlle que sigan tendo moitos éxitos e moita clientela. Aproveitamos para despedirnos ata o vindeiro xoves á mesma hora.
Deixamos aquí o programa Completo-Enteiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario