jueves, 17 de septiembre de 2026

XOVES 17 de SETEMBRO do 2026

Comezo dunha nova tempada 2026-2027. Escoitamos a nosa sintonía de sempre, as salutacións e discupamos a ausencia do noso compañeiro Armando Fernández, por mor da convalecencia que lle impide poder estar presente no programa de hoxe. Escoitamos unha gravación musical de dona DOLORES MACÍA POSE, recollida no mes de maio do 2010, cantada "a capela" e que leva por título "A gaita do Cristovo". A continuación recibimos a dona ISABEL NEIRA, da empresa ATALANTA MADERA. É unha das torneiras deste taller de torneiras de madeira instalada en Brens, no concello de A Estrada. Parabenizámola por ese traballo centenario herdado. Ela, xunto coa súa irmá ANA NEIRA, son a 7ª xeración dun oficio que continúan con moito agarimo e dedicación. Teñen unha páxina propia: https://atalantamadera.com/gl/nos/, que serve para poder poñerse en contacto con elas e mercar algún dos seus produtos de madeira torneados e de grande calidade. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe.

Despois de escoitar outra peza musical, poñémonos en contacto con ISAAC, responsable e director da empresa GRALIOS.com. Traballan con familias que apañan castañas nos soutos de Galicia e do Norte de Portugal. Cando os seus clientes reciben a súa demanda, levan o traballo e o coidado de xeracións de persoas que cultivan eses produtos de calidade. Tamén distribúen noces e mel, e outros produtos. A conversa con Isaac axúdanos a coñecer un bocadiño máis esa proposta de atención tan interesante. Desexámoslle moitos éxitos.

Voltamos a escoitar outra peciña musical e recibimos ao noso correspondente na capital da Ribeira Sacra: XOSÉ MANUEL F. MONTES, encargado da sección QUEN CHE PREGUNTOU? que segue coa mesma distribución da tempada anterior: 1.- O Bule-Bulo, 2.- Que pasa que pasa na Ribeira Sacra e 3.- Sabedoría Popular, que debulla moi concienzudamente e axúdanos a coñecer aconteceres de Galicia en xeral e moi particularmente daquela contorna da Ribeira Sacra, xunto coa recolleita e aportación cultural moi especial do noso idioma. Dámoslle as grazas e despedímolo ata a vindeira intervención.

A continuación recibimos a EVA CAMEÁN PENSADO, da Librería Clarión, en Carballo (A Coruña). Unha lectora empedernida que nos engaiolou coas súas aportacións que coñecimos nas redes. Libreira, creadora de contido e activista cultural galega. Parabenizámola e mantemos con ela unha conversa distendida e moi engaiolante. Agradecémoslle a súa amable atención. Propuxémoslle que nos faga unha intervención quincenal ou mensual recomendándonos algúns dos libros que ela vai lendo ou recibindo na súa librería, para que os nosos escoitantes e seguidores elixan, se queren, algún dos que ela nos vaia propoñendo. Quedamos que así o fará. Agradecémolle a súa disponibilidade e participación. Hoxe mesmo adiantounos a recomendación de dúas lecturas recentes, moi interesantes: "Lume Azul" de Pedro Feijoo e "Nos os tolos" de Tania Castelo. Agradecémoslle a sua inestimable aportación e ficamos á espera de que pronto volva a poñerse en contacto con nosoutros para recomendarnos outras lecturas. ¡Moitísimas grazas, EVA!

Deixamos aquí o programa completo.

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario