jueves, 16 de septiembre de 2021

XOVES 16 de setembro do 2021

Nova tempada. Comezamos unha nova andaina ofrecéndolles un bocadiño de música para deseguida conectar con Miguel, do Grupo musical "Caldo y Os Rabizos" con quen mantemos unha conversa-entrevista na que nos fala da súa traxectoria musical e investigadora, dos novos proxectos e próximas actuacións e doutras cousas relacionadas con eles. Prometémonos voltar a contactar con el para que nos vaia dicindo cómo seguen coa súa música e cos seus concertos e despedímolo coa súa música.

Despois conectamos novamente con Galicia para falar con Adrián Eiras, de "Patatas Eiras". Unha empresa familiar de distribución e empaquetado de patacas de Galicia. Fálanos dese grande almacén que ten unha producción moi importante, dos seus proxectos e desexos de ampliar e dar a coñecer ese traballo tan interesante, da creación dunha páxina web para facer máis visible esa súa empresa. Ofrécenos os seus teléfonos de contacto para que os nosos oíntes e seguidores poidan poñerse en contacto con eles (982 313 009 - 689 005 884). Agradecémoslle a súa amable atención e información.

A segunda hora comezámola escoitando outra vez un bocado de música para recibir ao seguinte convidado: Suso Díaz, un grande amigo, escritor e poeta que ven de publicar, recentemente en Medulia Editorial, o seu libro de poemas: "De Ludeiros a Nova York". Falamos dese libro, do tempo que lle levou confeccionalo, do seu contido tan extraordinario e agasállanos coa lectura dunha das súas creacións recollidas nese libro. ¡Moitas Grazas, SUSO! Desexámoslle que teña moitos éxitos e acordamos poder voltar a falar con el en vindeiras ocasións para seguir comentando a súa traxectoria creadora e escrita.

E para finalizar este primeiro programa da nova tempada 2021-22 ofrecémoslle a entrevista que nos concedeu Xurxo Fernandes, que virá a presentar o seu traballo CD "Levaino", o vindeiro día 18 no Tradicionarius de Gracia.

Até o vindeiro xoves, á mesma hora.

Sexan felices e disfruten da semana.

Aquí teñen o programa enteiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario