jueves, 14 de marzo de 2019

XOVES 14 de MARZO do 2019

Comezamos outro programa máis en galego, dándolles a ben-vinda e despois de escoitar unha peciña musical poñémonos en contacto con dona ISABEL CALVETE CARRERA, que nos fala da recente presentación da curtametraxe: Quijano o burro da escola. Unha obra que dirixiu o grande moi premiado director de cine Oliver Laxe. Fálanos das diferentes actividades que desenvolven cos alumnos do CEIP de Cervantes, que foron precisamente os mesmos que participaron nesta curtametraxe. Agradecémoslle a súa participación de hoxe.


Tamén continuamos a nosa emisión voltando novamente a aquelas terras para manter unha pequena conversa-entrevista con dona VANESA FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, autora do libro: "Aldeas e Vales da Serra de Ancares. O territorio desde dentro".  Fálanos desta publicación que presentou no salón de plenos do Concello de A Fonsagrada, e que ademais da asistencia de moito público, contou coa presenza de varios representantes políticos, posto que o encargado da súa publicación foi a Deputación de Lugo. Explicounos, polo miúdo, cómo redactou ese libro basado na súa Tese Doctoral. Próximamente tentaremos comunicarnos con ela para que nos dea máis detalles xa que aínda non se pode adquirir, pero nun plazo de dez días posiblemente poidamos indicar onde se pode atopar. 


Continuamos nesta segunda hora conectando co noso correspondente Xosé Manuel F. Montes, encargado da súa sección QUEN CHE PREGUNTOU? e que serve para amosarnos a súa visión das noticias cos Me Ghustan e Non Me Ghustan que el mesmo escolle detidamente. Tamén procura enviarnos a súa viñeta alusiva a algún contido do programa, e que nosoutros compartimos sempre.


A ultima intervención é a de dona FERNANDA FOLLANA NEIRA, correspondente nos Ancares que nos fai un percorrido moi axeitado para a realización de prácticas deportivas en bicicleta ou camiñando, por algún daqueles vales que denantes nos comentou Vanesa con bastante detalle. 


Agradecéndolle a colaboración de hoxe, despedímonos da nosa correspondente e tamén de tódolos nosos oíntes e seguidores, desexando que volvan a conectarse con nosoutros o próximo xoves á mesma hora. Seguro que teremos máis noticias, máis música e máis entrevistas para compartir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario