jueves, 11 de marzo de 2021

XOVES 11 de MARZO do 2021

Outra semaniña máis con todos vosoutros para pasar dúas horas falando en galego e tratando de ofrecerlles novidades interesantes, entrevistas e algo de música. A primeira intervención é con Manuel Fernández Gómez, o Foteiro da Fonsagrada. Comentamos con el varias cousas relacionadas co entorno desa localidade, falamos do rural e das posibilidades... Agradecémoslle a súa participación.

A segunda entrevista é co grande Xurxo Souto, cantante, escritor, acordionista, actor, director e locutor. Recibímolo e felicitámolo pola reedición da súa novela "Retorno dos homes mariños". El fálanos de moitas cousas máis, entre as que se atopa o Gaiteiro de Poso (carteiro, pescador, cazador...), da publicación do "Pangalaica" que presentará o vindeiro sábado 20, no Museo de Manuel María, da Corna, do Mar, da saída e da posta do Sol... Unha conversa moi agradable e chea de ensino. ¡Grazas Xurxo!

Continuamos a segunda hora conectando co noso correspondente, Xosé Manuel F. Montes, encargado da sección Quen che preguntou? que aporta a súa crónica semanal coas seccións "Desghústanme" e Non me Ghustan correspondentes ás noticias que el escolle para comentar con nosoutros. Despois as súas interpretacións retranqueiras (caralladas) para finalizar enviándonos a súa "viñeta" creativa, relacionada con algún asunto tratado na emisión de hoxe, e que nós compartimos con todos vosoutros. ¡Grazas!

Finalizamos entrevistando a Lucía Seoane López, unha artesana que decidiu instalarse no Caurel, concretamente na localidade de Santa Eufemia. Podemos disfrutar contemplando as súas creacións artísticas na súa páxina :https://artesaniadocaurel.es/. Admiramos esa dedicación e posta en valor polo traballo independente no rural, "traballando con garabullos" como ela mesma nos dixo, pero que son verdadeiras obras de arte, que teñen unha grande acollida e demanda. Ogallá acade os éxitos que todos lle desexamos e prometémonos volver a comunicarnos con ela posto que ten previsto algunha novidade interesante.

Despedímonos ate o vindeiro xoves á mesma hora. ¡Que pasen unha feliz semana! Aquí vos deixamos o programa completo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario